Croqueta y Empanadilla, de Ana Oncina: da tixola ao amor

Komic Librería: Croqueta y Empanadilla


Hoxe propoñémosvos unha lectura moi sinxela, divertida e agradable que está a ser unha das maiores sorpresas editoriais dos últimos tempos, xa que hai tan só uns tres meses que a ópera prima da novísima autora eldense Ana Oncina saía do prelo e, a día de hoxe, vai xa pola súa terceira edición. Croqueta y Empanadilla (Ediciones La Cúpula) está protagonizada, como o seu título indica, por unha croqueta e unha empanadilla que representan a unha parella nova e namorada no momento no que deciden iniciar a súa vida en común, todo visto dende unha perspectiva costumista e humorística.

Komic Librería: Croqueta y Empanadilla

No canto de ser un relato extenso esta obra é máis ben unha sucesión de pequenos momentos da vida da parella, momentos cos que moit@s de vós non teredes problemas en sentiros identificad@s. Deste xeito podemos observar a estas dúas versións antropomórficas de dúas das nosas receitas máis tradicionais nunha chea de situacións diversas, algunhas tenras, outras surrealistas, que farán aparecer un sorriso nos nosos rostros grazas ao seu humor branco e próximos, apto para todo tipo de público, con intres realmente xeniais (como cando descubrimos as afeccións culinarias de Empanadilla, ou cando presenzamos unha versión humana do noso entrañable dúo protagonista), e outros que semellan bastante autobiográficos...

Komic Librería: Croqueta y Empanadilla

O seu estilo inocente e deliberadamente naíf tamén se apreza no debuxo, sinxelo pero que cumpre á perfección co seu cometido. Iso si, esta simpática parella non resulta excesivamente aceitosa nin transmite o frío propio dos ultraconxelados, así que pensamos que tanto Croqueta como Empanadilla son caseiras, caseiras, e feitas con moito agarimo, polo que agardamos que teñades bo proveito, perdón, queriamos dicir boa lectura...

Komic Librería: Croqueta y Empanadilla

Ah: e non vos esquezades que este vindeiro venres, 13 de xuño, teremos a sorte e o pracer de contar con Ana Oncina en Komic Librería presentando este libro. A cita será, como é habitual, ás 18:00 horas. Agardámosvos!


Komic Librería: Croqueta y Empanadilla

Croqueta y Empanadilla
Ana Oncina

La Cúpula
Tomos: 1