Marte ida y vuelta, de Pierre Wazem: unha viaxe cara a madurez

Komic Librería: Marte ida y vuelta


A viaxe que nos propón Pierre Wazem no seu cómic Marte ida y vuelta transita entre o consciente e o irreal. Malia ser de ida e volta non está exento de riscos, xa que percorre a oscilante corda frouxa que supón chegar á madurez exercendo coma única ocupación o inseguro oficio de autor de banda deseñada.

Komic Librería: Marte ida y vuelta

Por enésima vez atopámonos cunha obra que xorde dun bloqueo artístico e unha crise persoal. Esprémese o autor e esfórzase por deixar atrás a súa lacazanería, embarcándose nunha viaxe iniciática e marciana coa firme intención de non voltar ata que teña este libro rematado baixo o brazo.

Komic Librería: Marte ida y vuelta

E esta travesía vaise ir convertendo en toda unha confesión por parte deste suízo ao que pouco limos ata este intre (Koma, El fin del mundo e Los escorpiones del desierto eran hasta ahora sus únicas obras en el mercado español), confesión construída a base de pezas soltas, con pouca confianza e de xeito desamañado, pero o certo é que o autor atesoura máis cualidades das que presume e o resultado da esforzada viaxe chegará a ser unha confortable balsa de salvación no profesional e no persoal, abrindo a posibilidade dunha reorientación na súa carreira e na súa vida, que semellaban derivar ata o máis absoluto desastre.

Komic Librería: Marte ida y vuelta

Sóltase Pierre Wazem e podemos intuír como o seu debuxo evolucionou dende un estilo clásico ata un concepto máis informal e actual, achegado a algúns dos renovadores da bd francesa. A utilización de técnicas múltiples (lapis, pincel, fotografía, etc) aporta frescura a un conxunto onde intencionadamente os tons escuros tinxen a maior parte dos ambientes.

Komic Librería: Marte ida y vuelta

Definimos en ocasións como xeracionais as obras que, polos temas que tratan, son moi axeitadas e van dirixidas a determinados segmentos do público por idades. Marte ida y vuelta é sen dúbida un destes títulos: as dificultades de Pierre poden ser extrapoladas a todos aqueles que queiman os derradeiros cartuchos da mocidade e avanzan de mala gana cara a madurez. Non por isto son mellores ou peores obras, ou só interesan aos que pasen por esta fase. Así que, señoras e señores, xa saben: abróchense forte os cintos... rumbo a Marte!


Komic Librería: Marte ida y vuelta

Marte ida y vuelta
Pierre Wazem

La Cúpula
Tomos: 1