Majareta, de Ellen Forney: o trastorno bipolar a fondo

Komic Librería: Majareta


Ellen Forney é unha artista de intensa personalidade e carácter extrovertido que é quen, alomenos por intres, de mobilizar e contaxiar as ganas de vivir aos que a rodean. A súa cidade, Seattle, foi nos noventa epicentro da movida grunge e foco de atención dos seguidores das correntes alternativas de todo o mundo. Ellen, vinteañeira daquela, realizaba a serie I was seven in '75 compilada e publicada por Fantagraphics en 1999, pola que foi nominada ao prestixioso premio Eisner. Xunto con Peter Bagge, autor da mítica serie Odio, contribuíu a que Seattle fora coñecida por algo máis que os seus grupos de rock.

Komic Librería: Majareta

Nesta obra autobiográfica a autora convídanos a descubrir, ao mesmo tempo ca ela, a complexidade do trastorno bipolar que lle foi diagnosticado pasados os 30. Un plantexamento directo e sincero co cal nos trasmite o coñecemento cada vez máis profundo do seu desequilibrio, así como a loita constante prolongada durante anos para superalo, marca o ton desta obra.

Komic Librería: Majareta

O elevado ritmo narrativo dende a primeira páxina encaixa e está acorde coa enorme vitalidade e enerxía que desprende Ellen nese momento. Consegue ademais ordenar moita información tanto das súas frenéticas actividades como dos avances que, coa axuda da súa psiquiatra Karen, lle van servir para comprender e mellorar as súas conductas.

Komic Librería: Majareta

Concentra datos sobre libros e exercicios, en concreto pensamos que é moi salientable a recomendación dunha publicación de insípido título (Sentirse ben) sobre terapia cognitiva conductual (TCC) na que se dan instrucións para reaxustar as pautas do pensamento alterado que provoca a depresión.

Komic Librería: Majareta

Outros temas tratados con seriedade no libro son: as relacións de amizade e familiares como algo moi importante para o equilibrio emocional; o tratamento farmacolóxico, unha chea de medicamentos combinados en distintas proporcións para acadar os efectos desexados; o custe económico de padecer unha doenza así nun país coma os EUA, e sobre todo o temor, sempre presente, de Ellen a que o litio e outros fármacos mermaran as aptitudes creativas e intelectuais necesarias para un traballo artístico.

Komic Librería: Majareta

En resumo, un libro no que non hai que separar a palla do gran porque non ten palla algunha, unha lectura reconfortante na que, malia o tema tratado e os episodios convulsos, esta singular muller soubo manter un ton optimista e un envexable sentido do humor.


Komic Librería: Majareta

Majareta
Ellen Forney

La Cúpula
Tomos: 1