Caramelos atómicos, de Anthony Pastor: a confirmación dun excelente autor

Komic Librería: Caramelos Atómicos


Non hai dúbida: o xénero negro está a vivir un excelente momento na banda deseñada. A oferta de lecturas deste tipo é cada vez máis ampla e variada, para satisfacción de todas e todos os que gozamos cos relatos policíacos. O enésimo exemplo disto vén de aterrar hai ben pouco en Komic Librería: trátase da segunda obra de Anthony Pastor que se publica no noso país, e vén a demostrar que as segundas partes poden ser boísimas.

Komic Librería: Caramelos Atómicos

Coa primeira, Castilla Drive (2012, La Cúpula), levou o premio ao Mellor Polar no Festival de Angoulême e chamou a nosa atención con este atípico relato ambientado na pequena cidade imaxinaria de Trituro e protagonizado por Sally Sallinger, unha muller casada cun detective privado que, trala misteriosa desaparición do seu home decide continuar ela mesma co negocio para sacar adiante aos seus dous fillos.

Komic Librería: Caramelos Atómicos

Moi ben escrito e debuxado, no seu momento entendimos Castilla Drive coma unha historia autoconclusiva e nada máis, sen decatarnos que podía ser a primeira peza de todo un universo. Anthony Pastor fainos agora regresar ao seu particular Macondo, un Trituro que xa non resulta descoñecido, como tampouco o son os personaxes, neste excepcional Caramelos Atómicos.

Komic Librería: Caramelos Atómicos

E se o primeiro álbum foi para nós máis que correcto e convincente con este segundo o autor francés conquístanos por completo, demostrando que é un estupendo narrador ao propoñermos, con éxito, unha complexa trama chea de ritmo, enriquecendo aínda máis aos personaxes que xa coñeciamos de Castilla Drive e construíndo con mestría outros novos, ao tempo que mellora o seu debuxo, cheo de cores bonitas e rechamantes.

Komic Librería: Caramelos Atómicos

O argumento que esta novela negra gráfica agocha tralo seu título, digno dunha película de serie b, céntrase nunha nova investigación para a nosa detective protagonista, unha sospeita de adulterio que leva directamente cara unha antiga central nuclear reconvertida nunha fábrica de estraños, e adictivos, caramelos enerxéticos. Ao mesmo tempo imos descubrindo novos datos sobre os habitantes de Trituro, e tamén aparecen novos enigmas.

Komic Librería: Caramelos Atómicos

O protagonismo de Sally Sallinger perde peso para que outros personaxes axuden a construir este relato coral que nos leva do conflito entre pais e fillos a segredos gardados que ven a luz, xunto con escuros intereses empresariais ou vinganzas de bandas da rúa... todo vale para que o autor enganche ao lector de xeito sublime ao longo das súas máis de 250 páxinas, e abofé que o consigue.

Komic Librería: Caramelos Atómicos

Así que xa sabedes, tedes aquí unha lectura magnífica que vos recomendamos agardando que vos guste tanto coma a nós.


Komic Librería: Caramelos Atómicos

Caramelos Atómicos
Anthony Pastor

La Cúpula
Tomos: 1