Sangre negra, de Vrancken e Desberg: amizade, piratería e conflito racial

Komic Librería: Sangre negra (Integral)


Yves Schirt, libreiro e director da editorial Dargaud Benelux, propiciou o encontro entre o debuxante Bernard Vrancken e o guionista Desberg. Tras unha ducia de historietas curtas para a revista A suivre e nove tomos da serie I.R.S., o ilustrador presentou ao seu consolidado e único colaborador Desberg as primeiras ideas dun novo proxecto sobre piratería. Esta é a orixe desta moi recomendable serie realizada na década dos noventa que Ponent Mon presenta agora nun volume integral.

Komic Librería: Sangre negra (Integral)

Sangre negra é moito máis que unha bd de aventuras: se ben pode encaixar perfectamente neste xénero hai matices que a completan, agrandando a obra e aportando outros valores positivos. Desberg lembra imaxinar a serie como «un universo bastante romántico». O escenario dunha illa caribeña intencionadamente non definida, mestura de todas as illas da época, acáelle coma anel ao dedo ao desenvolvemento da trama e dos personaxes.

Komic Librería: Sangre negra (Integral)

O protagonista, Tristán, é un mestizo ao que veremos nas primeiras páxinas salvar a Marc-Antoine (herdeiro dun rico terratenente) dun fortuito encontro cos temibles piratas sendo aínda nenos. Este feito abriralle as portas da plantación onde sempre será ben recibido, e dará comezo a unha amizade entre os dous rapaces que durará ata que Marc-Antoine teña que marchar a Francia para completa a súa educación, e a súa irmá Madeleine inicie unha relación con Tristán que nunca vai ser doada. Ao presentarnos os personaxes dende a nenez veremos como as súas personalidades se van construíndo e os motivos que empurrarán ao noso protagonista a convertirse en pirata, entrando nun mundo no que a palabra dada ten máis valor que entre a xente civilizada.

Komic Librería: Sangre negra (Integral)

Como se pode intuír a mestizaxe e a mensaxe antirracista son temas ben integrados nesta historia romántica. A amizade que se romperá para sempre entre Marc-Antoine e Tristán lembra, tal e como recoñece Desberg, á do mozo xudeu e o romano Messala na historia de Ben-Hur, xa que nos dous casos as ideas coas que volven tras as súas respectivas estadías nas capitais dos seus imperios os que foran incondicionais amigos dos protagonistas mudan tornándose incompatibles coa súa antiga relación, e ao tempo mostran a insalvable diferenza de clases que aporta un ingrediente dramático que non debe faltar nunha historia deste tipo.

Komic Librería: Sangre negra (Integral)

Poucas veces os lectores chegamos a percibir tan claramente o perfecto entendimento entre un debuxante e un guionista, conexión decisiva para que unha historia coma esta funcione así de ben e sexa absolutamente gozable en todos los sentidos. Para comprender isto foron de grande axuda as explicacións que a modo de epílogo están incluídas nas páxinas finais, imprescindibles tamén para a redacción desta recensión.


Komic Librería: Sangre negra (Integral)

Sangre negra (Integral)
Vrancken / Desberg

Ponent Mon
Tomos: 1