He visto ballenas, de Javier de Isusi: o conflito vasco dende o entendemento

Komic Librería: He visto ballenas


A casualidade, caprichosa como é, quixo que nun breve espazo de tempo saíran do prelo dúas obras que teñen como pano de fondo un tema que, pola súa complexidade, practicamente non fora tratado na banda deseñada: o conflito en Euskadi. O certo é que as coincidencias entre estes dous títulos non van moito máis alá, porque se Cava e Seguí decidiron empregar en Las oscuras manos del olvido (da que xa vos falamos aquí) o xénero negro para contarnos a vinganza póstuma dunha vítima de ETA, en He visto ballenas o bilbaíno Javier de Isusi opta por unha perspectiva máis existencialista e persoal nun relato sobre o perdón e a reconciliación.

Komic Librería: He visto ballenas

A historia céntrase en tres personaxes: Antón, un sacerdote vasco cuxo pai foi asasinado anos atrás por ETA, o que supuxo o distanciamento con Josu, daquela o seu mellor amigo pero tamén integrante da banda armada e que está a cumprir condena nun cárcere francés, onde coñecerá a Emmanuel, ex-membro do GAL. Entre os dous presos créase un vencello de respecto e comprensión, sen chegar á amizade, ao decatarse de que comparten moitos puntos de vista sobre a vida e sobre os seus actos pasados. Ao mesmo tempo asistimos aos conflitos internos de Antón, que tras tantos anos segue sen superar a morte do seu proxenitor e a fin da súa relación con Josu. Tres personaxes que andan á procura de si mesmos, moi ben construídos, e que transmiten proximidade, realismo e, sobre todo, a necesidade do entendemento.

Komic Librería: He visto ballenas

E isto é tamén a busca do propio autor, que demostra unha gran madurez ao contar estas tres vidas que se entrelazan sen caer en maniqueísmos e sentimentalismos baratos, tan habituais ao tratar este tema. Non fala de vítimas e verdugos, nin de vencedores e vencidos, non tenta facer unha explicación histórica dos últimos corenta anos da historia vasca nin remexer vellas feridas. Colócase, con acerto e realismo, na pel de tres persoas con traxectorias vitais moi distintas pero que non están tan lonxe o un dos outros na realidade. Sen xulgalos. E deste xeito, con moito coidado e respecto, vainos metendo de maneira sublime no interior dunha reflexión crúa e necesaria que convida a ollar con esperanza cara o futuro.

Para plasmar todo isto De Isusi emprega un evocador debuxo en lapis coloreado con acuarela, o que lle outorga unha gran capacidade de suxestión e se afasta da sobriedade coa que realizou a súa tetraloxía Los viajes de Juan Sin Tierra. Azuis, grises e amarelos enchen as 150 páxinas desta novela gráfica, que contén como epílogo un pequeno e metafórico conto ilustrado por Leticia Ruifernández, que funciona como excelente colofón para este enorme e moi recomendable libro.


Komic Librería: He visto ballenasHe visto ballenas
Javier de Isusi

Astiberri
Tomos: 1