A causa do crime, de Tokio: Un thriller político e social no Vigo dos 80

A causa do crime


O historietista, ilustrador e biólogo mariño Alfredo López, máis coñecido polo alcume de Tokio, recupera en A causa do crime o seu segundo relato longo, publicado orixinariamente no xornal A Peneira no ano 1987, para achegarnos, case trinta anos despois, unha trepidante historia chea de acción e compromiso social no rebuldeiro Vigo dos anos oitenta.

O autor de Castrelos mergúllanos no pasado, nunha época onde, tras a longa noite de pedra do franquismo, a sociedade galega comeza a espertar e a expresarse cunha certa liberdade. A Policía Nacional leva uniforme marrón, o terrorismo pasa a ser un dos principais problemas estatais e a lacra da droga aparece de xeito funesto para arruinar moitas vidas. Neste contexto de mudanzas e tempos novos o característico e caótico dinamismo vigués converte a cidade nun fervedoiro de creatividade (coa música, a pintura e a moda como grandes expoñentes da movida) pero tamén de reivindicación social, cunha importante presenza do combativo voluntarismo dos movementos obreiros.

A causa do crime

Precisamente é en 1984, coa primeira folga xeral galega, onde Tokio sitúa A causa do crime, mesturando un certo costumismo co xénero policial de trasfondo político. Un atentado terrorista coloca a Alba, unha electricista comprometida, no punto de mira das forzas policiais, e para saír desta situación pídelle axuda a Rique, un veterano sindicalista. A través das súas pescudas atoparán a existencia de moitos e distintos intereses ocultos en toda esta historia.

A causa do crime

Ao estar feita na década dos oitenta (aínda que para esta edición o propio autor retocou a versión orixinal) o álbum reproduce fielmente e conserva todo o sabor dun pasado non moi afastado e que moit@s lembraredes perfectamente. A xeografía olívica e a súa escena musical teñen un papel protagonista nesta obra (que mesmo ten a súa propia banda sonora) e o seu ritmo fresco e desenfadado, no que a acción transcorre a ritmo de vertixe, fai dela unha obra de lectura moi asequible que confirma ao vigués, trala boa acollida de Cabana de Balieiros (2011), como unha das voces máis interesantes e persoais da bd galega.

Aproveitamos a ocasión para anunciaros que este vindeiro venres, 12 de setembro, teremos o gusto de contar coa súa presenza en Komic Librería para presentar e asinar exemplares de A causa do crime.

Presentación de A causa do crime en Komic Librería

Agardamos que gocedes con ela tanto coma nós, e contamos convosco este venres!


A causa do crimeA Causa do Crime
Tokio

Demo Editorial
Tomos: 1