Top 15 de Komic Librería: Selección de novidades editadas en agosto e setembro de 2014

Top 15 de Komic Librería


Benquerid@s komiqueir@s: aínda que xa vos falamos de (case todas) as novidades de agosto da bd galega a comezos de setembro, deixamos sen comentar algúns dos títulos aparecidos durante ese mes que chamaron a nosa atención, motivo polo cal hoxe o noso habitual Top 10 pasa a ser un Top 15. Evidentemente non están todas as que son, pero si son todas as que están: agardamos que esta selección de grandes lecturas sexa do voso interese.


15

La casa azulLa casa azul
Tyto Alba
Astiberri

A convulsa e interesante vida de Frida Kahlo narrada por Chavela Vargas. Un interesante e completo retrato destas dúas mulleres, dun país, México, e dunha época que semella estar moi lonxe realizado por Tyto Alba con grande acerto narrativo.


14

La mano de DiosLa mano de Dios
Paolo Castaldi
Diábolo Ediciones

Fermosa homenaxe a que lle rinde este gran debuxante a Diego Armando Maradona, afastándose dunha biografía convencional para centrarse no significado sociolóxico que tivo a súa etapa como xogador do Nápoles.


13

La expedición 2: La rebelión de NiangaraLa expedición #2: La rebelión de Niangara
Marazano / Frusin
Diábolo Ediciones

Tras máis de dous anos e medio por fin chegou a segunda parte desta saga que conta a expedición dun reducido número de lexionarios romanos cara o descoñecido corazón do continente africano, e onde sobresae o tremendo traballo de Marcello Frusin ao debuxo.


12

Parker 4: MataderoParker #4: Matadero
Darwyn Cooke
Astiberri

Unha nova adaptación, e xa van catro, das novelas de Richard Stark protagonizadas por Parker. Este mito do xénero negro terá que afrontar nesta ocasión as consecuencias dun accidente durante a fuxida dun atraco.


11

Lo primero que me viene a la menteLo primero que me viene a la mente
Juaco Vizuete
Astiberri

O novo traballo de Juaco propón unha nostálxica volta á infancia e á adolescencia, conseguindo facer o retrato dunha época (a España de finais dos setenta) cun estilo único, realista e evocador.


10

Tarzán, el origen del hombre monoTarzán, el origen del hombre mono
Joe Kubert
Yermo Ediciones

Excelente edición do traballo que Kubert, un nome fundamental no cómic americano do século XX, realizou a mediados dos anos setenta baseándose no mítico personaxe creado por E. Rice Burroughs. Acción e dinamismo a esgalla neste gran clásico de aventuras.


09

Los hijos de Sitting BullLos hijos de Sitting Bull
Edmond Baudoin
Astiberri

Interesantísima lectura a que nos propón este veterano e inquedo francés ao narrar a vida do seu avó, nado a mediados do século XIX e cunha vida fascinante (chegou a coñecer a Buffalo Bill e a Touro Sentado). Crónica familiar e reflexión social cunha estética gráfica chea da liberdade que transmiten as obras deste autor.


08

Alpha FlightAlpha Flight
John Byrne
Panini Comics

Nos anos oitenta Byrne foi un dos máis importantes autores do xénero superheroico, e neste tomazo (880 páxinas) Panini recolle unha das súas obras mestras: as aventuras dun supergrupo canadense nas que este guionista e debuxante espreme ao máximo o seu espectacular debuxo e a súa mestría á hora de construír personaxes.


07

CanículaCanícula
Baru
Astiberri

Outra grande obra da man do noso admirado Baru, que neste título adapta unha novela de Jean Vautrin para mergullarse no xénero negro máis escuro, pero baixo o sol abrasador do campo francés no verán.


06

AmarguraAmargura
Antoine Onazam / Tentacle Eye
Yermo Ediciones

Este tándem creativo, unha das parellas artísticas máis interesantes da bd europea contemporánea, achéganos desta volta un poderoso relato no que mesturan a crítica social, o amor/desamor e o compromiso a unhas ideas, ambientado nun escuro réxime autoritario.


05

Griza ZonoGriza Zono
Andrés Magán
Editorial Fosfatina

O polifacético pintor, músico e ilustrador vigués sorprende con este álbum publicado pola debutante (e tamén viguesa) Editorial Fosfatina. Unha historieta muda e delirante debuxada cun gusto exquisito e que nos deixou coa boca aberta.


04

Macanudo 10Macanudo #10
Liniers
Random House Mondadori

Nova entrega compiladora das tiras deste arxentino macanudo que dota as súas microhistorias dun humor e dun lirismo que agradecemos enormemente. Unha desas obras que alimentan os sorrisos e os corazóns. Ah, e cun minipóster de agasallo!


03

Léo, LéaLéo, Léa
Zidrou / Springer
Norma Editorial

O prolífico guionista belga volve conquistar ao seu público (cada vez máis numeroso) con esta historia narrada de maneira sublime da que xa vos falamos máis polo miúdo hai uns días (e aquí podedes ler o que dela comentamos).


02

Cowboy HenkCowboy Henk
Kamagurka / Seele
Autsaider Cómics

Espectacular e coidadísima edición a que nos achegan os amigos de Autsaider Cómics, recollendo moitas das historias deste particular personaxe, unha sorte de Tintín psicodélico e surrealista que é toda unha icona da bd belga e holandesa e do underground europeo, pero que misteriosamente nunca fora publicado en álbum no noso país. Graciñas mil, Autsaider!


01

Las Meninas
Santiago García / Javier Olivares
Astiberri

Las Meninas

Unha auténtica marabilla sobre un dos maiores xenios da pintura universal, Diego Velázquez, e a influencia que ao longo da historia tivo o seu cadro máis famoso en pintores, escritores e mesmo filósofos. Cun Javier Olivares en estado de graza, Santiago García presenta un texto sorprendente en todos os sentidos, con moita documentación e imaxinación. Sen dúbida unha das obras nacionais do ano.