Revienta, cerdo, de Pascal Rabaté e Simon Hureau: cuarto e metade de traxicomedia negra

Komic Librería: Revienta, cerdo


Didier, un amable carniceiro, vive tranquilamente coa súa muller e o seu fillo. Esta apracible existencia vai cambalear cando se decata de que Sandrine, a súa parella, está a enganalo con Eric, un amigo da familia. O noso protagonista asume este feito con pusilanimidade nun primeiro momento e sofre en silencio a súa situación ata que o rancor pode con el e, con inusitada paciencia, procura vinganza...

Komic Librería: Revienta, cerdo

Este argumento, non excesivamente orixinal, témolo visto unha chea de veces na literatura, no cine e mesmo na historieta. Pero en mans dun creador coma Pascal Rabaté cobra unha nova visión que enganchará aos lectores e lectoras da primeira á derradeira páxina.

Komic Librería: Revienta, cerdo

Para comezar aporta a súa tradicional orixinalidade cun detalle que vos soará a moitas e moitos de vós: Didier ten unha grandísima paixón, que non é outra que a banda deseñada. Na súa casa posúe unha notable biblioteca (na que atopamos nomes tan familiares coma os de Tardi, Baudoin, Robert Crumb ou Daniel Clowes), os andeis que ocupan os centos e centos de libros que atesoura están decorados con figuriñas e estatuas, sobre todo de Tintín, e antes de que o seu fillo vaia durmir le con el algunha aventura de Johan e Pirluit. En definitiva, que entre a súa familia, o seu traballo e os seus tebeos a vida resulta tan satisfactoria para el que a traizón será dobremente dolorosa.

Komic Librería: Revienta, cerdo

Rabaté é un interesantísimo, inquedo e polifacético autor (guionista, debuxante, mesmo realizador cinematográfico) que ten unha gran capacidade para construír relatos onde mestura a lixeireza e a fondura de maneira maxistral. Títulos como Íbicus ou Río Abajo forman xa parte dos clásicos do fondo de Komic Librería por méritos propios. Excelente narrador e grande observador da realidade cotiá, adoita construír historias aparentemente sinxelas protagonizadas por persoas normais e correntes, pero sempre co tino de dar máis do que semella a primeira vista.

Komic Librería: Revienta, cerdo

É o caso desta comedia (ou mellor dito, traxicomedia) negra, onde o acedo debuxo de Simon Hureau encaixa perfectamente co guión, deseñando os escenarios e paisaxes con detallismo pero empregando un estilo máis caricaturesco nos personaxes, o que lles confire, de xeito paradoxal, maior realismo e definición. Aprezamos tamén o excelente traballo da colorista Claire Champion, que dota de vida as viñetas de Hureau.

Komic Librería: Revienta, cerdo

Unha obra, pois, que sen procurar unha posición dogmática explora a moralidade das relacións de parella e o preto que calquera de nós pode estar dunha situación límite, cun entramado narrativo moi ben armado que sorprenderá aos que vos acheguedes ata as súas páxinas.


Komic Librería: Revienta, cerdoRevienta, cerdo
Pascal Rabaté / Simon Hureau

Norma
Tomos: 1