Nacho Camacho, de Rodrigo Cota e Jano: unha divertidísima parodia do «macho alfa»

Komic Librería: Nacho Camacho


Non sabemos moi ben se a luva é Rodrigo Cota ou Jano, ou quen dos dous é a man, pero o certo é que os guións do pontevedrés acáenlle perfectamente aos debuxos do coruñés, e viceversa. Anos atrás este dúo creativo demostrara a súa excelencia nas páxinas da tristemente desaparecida revista Retranca, historias que agora, acompañadas dalgún relato inédito, recupera Demo Editorial en Nacho Camacho, co mesmo formato no que hai un tempo editou Operario, outra obra de Jano.

Komic Librería: Nacho Camacho

E o que aquí temos non é outra cousa que unha intelixente e divertidísima parodia do estereotipo do «macho ibérico», ou do «macho alfa», ou dos «homes coma Deus manda». Un tipo de personaxe masculino lamentablemente real. Rodrigo e Jano crean un protagonista antolóxico, unha caricatura tan afiada que todas e todos podemos recoñecer a algún coñecido con características semellantes e que empregan tamén para criticar o machismo existente na nosa sociedade, vixente mesmo hoxe en día.

Extremadamente machista, fanático de Clint Eastwood (única característica del coa que coincidimos), cun alcolismo máis que preocupante, un cociente intelectual reducido e unha homofobia exacerbada, Nacho Camacho é un pailaroco de moral confundida que non se atopa só na vida grazas a bondade dalgúns dos que o rodean, comezando polo seu fillo Junior, un rapaciño adolescente que comeza a descubrir a súa homosexualidade, para pesar do seu proxenitor.

Komic Librería: Nacho Camacho

Cun esquema narrativo de historias curtas (practicamente todas, agás un par de excepcións, ocupan unha ou dúas páxinas) este tándem practica a difícil arte do humor directo, gags redondos cheos de retranca cuns diálogos acertadísimos e nos que a ilustración, co recoñecible estilo propio de Jano, casa a perfección co texto, mesturándose ás veces coa actualidade do momento (o proceso xudicial contra Iñaki Urdangarín ou as asembleas do 15-M) pero gardando sempre unha frescura politicamente incorrecta que é de agradecer.

Komic Librería: Nacho Camacho

Se hai uns anos rimos a cachón con Pascal Brutal (outro «macho alfa» caricaturizado, desta volta polo francés Riad Sattouf), ao que resultaba imposible non coller cariño, atopámonos aquí cun idiota hipermusculado que non acadará a nosa simpatía pero do que si imos rir ata reventar.

Aproveitamos para anunciarvos a próxima visita a Komic Librería de Nacho Camacho e dos seus creadores, Rodrigo Cota e Jano. A cita será este vindeiro venres 17 de outubro, a partir das 18:00 horas: agardámosvos, a ver se entre todas e todos facemos que Nacho recapacite e cambie un chisquiño, aínda que isto parece imposible...


Komic Librería: Nacho CamachoNacho Camacho
Rodrigo Cota / Jano

Demo Editorial
Tomos: 1