Unahistoria, de Gipi: un agardadísimo retorno
Un home está nunha praia, sentado á beira da mar, nun estado de confusión que aumenta progresivamente ata facer necesaria a intervención dun equipo médico. É trasladado a unha institución psiquiátrica, onde lle diagnostican esquizofrenia repentina e danlle unha forte medicación. Malia isto as súa alucinacións persisten, encallado nun bucle infinito onde debuxa compulsivamente dúas imaxes: unha árbore seca e unha estación de servizo.
O home resulta ser Silvano Landi, un escritor de éxito que xa non escribe, un inventor de historias que vive de contalas e de escoitalas, e ao que a vida, no gume dos cincuenta anos remata por abafar e que, afogado polas palabras e polas lembranzas, obsesiónase coas cartas que o seu bisavó, Mauro, escribía á súa familia dende as trincheiras na Primeira Guerra Mundial.
Este é o argumento da nova obra de Gian Alfonso Pacinotti, máis coñecido polo alcume de Gipi, un dos autores europeos máis persoais e interesantes da bd contemporánea (ademais de ser un dos nosos preferidos) que hai cinco anos abandonou a súa produción tebeística para centrarse no seu traballo cinematográfico. Daquela confesara que esta decisión estaba motivada por non ter historias que contar, e despois da lectura de Unahistoria (Salamandra Graphic) podemos asegurar que este período de barbeito sentoulle de marabilla á creatividade do italiano, que presenta aquí un dos seus mellores traballos.
Debuxante prodixioso dotado dun inconfundible estilo propio, narrador anárquico e sutil, cun certo aquel poético, Gipi é unha rara avis dentro do panorama da viñeta europea, posuidor de caracterísiticas recorrentes en toda a súa obra que namoran aos seus lectores e lectoras. Foi alumno de Andrea Pazienza, un xenial historiestista italiano menos coñecido por estes lares do que debería (eiva que en pouco tempo paliará a editora Fulgencio Pimentel coa publicación de varias das súa obras), e del aprendeu a procurar na vida cotiá o drama e a beleza necesarias para as súas historias. De aí que os elementos autobiográficos non sexan difíciles de espreitar nos seus libros.
No caso concreto de Unahistoria consegue meternos dentro da cabeza de Silvano, coa súa liberdade narrativa habitual e un emprego magnífico do monólogo interior, ao tempo que intercala o presente do protagonista cos flashbacks do seu pasado e, sobre todo, a historia do seu bisavó na guerra.
Deconstrúe o seu relato facendo saltar polo aire a súa linealidade, pero, coma case sempre dentro dos seus textos, do caos acaba por extraer unha orde que resulta perfecta para narrar o que nos quere transmitir, que é moito: o paso do tempo, aferrarse á vida e á familia, a concepción que temos de nós mesmos, etc. Tras a súa lectura podemos dicir que temos a impresión de ter sido, máis que voyeurs, compañeiros na intimidade da narración deste escritor de 49 anos abrumado polo pasado.
E se o texto resulta complexo e moi traballado, do debuxo podemos dicir que é posiblemente o cumio da arte de Gipi, alternando distinto estilos (debuxos en branco e negro, detallistas acuarelas con cores e sombras sorprendentes) para acadar un resultado final excepcional e dunha enorme fermosura.
Estamos pois de noraboa, polo retorno deste grandísimo creador e pola espectacular maneira de volver.
Unahistoria
Gipi
Salamandra Graphic
Tomos: 1