O misterio do Pico Sacro, de Rafael Saldaña: misterio e fantasía en Compostela

Komic Librería: O misterio do Pico Sacro


Levámonos unha grata sorpresa ao ler O misterio do Pico Sacro, obra finalista da última edición do Premio Castelao da Deputación da Coruña, pois non coñeciamos ao seu autor, Rafael Saldaña, malia vivir na nosa cidade, e ademais chamou a nosa atención a temática e a situación xeográfica do relato, que transcorre entre Santiago e o Pico Sacro.

Sorprende así mesmo a corrección coa que está plantexada, cun intrigante ritmo narrativo que mantén ata a derradeira páxina, para contar unha historia que mestura misterio, xénero fantástico e terror na Compostela de comezos dos anos trinta e que protagoniza un médico, de nome descoñecido, que dirixe un balneario ourensán e que viaxa ata terras santiaguesas para entregar ao seu editor o seu tratado sobre sofroloxía.

Tanto no seu camiño como na súa estadía na cidade atopará varios estraños personaxes a través dos cales será introducido na enigmática historia da familia Andrade, unha escura e esmorecente familia fidalga, e na sorprendente existencia dun monstro no Pico Sacro. O protagonista, coma un involuntario Joseph K., vaise ver involucrado nunha chea de situacións fantásticas que el non buscou, un monicreque cos fíos manexados por mans alleas, un golem en vida.

Komic Librería: O misterio do Pico Sacro

Preguntas sen resposta, persecucións, misterios e fantasía que, xunto cun neboento e correcto debuxo que casa perfectamente coas características da narración, danlle ao álbum un aquel entre o expresionismo e os relatos pulp, acadando un resultado final moi atractivo para os lectores.

Aínda que é de agradecer o apoio que a Deputación coruñesa segue a prestar á banda deseñada co seu Premio Castelao, xa consolidado como o galardón máis importante da viñeta galaica, é unha mágoa que non coidaran máis a edición das dúas obras finalistas, xa que tanto neste caso como no Catálogo Oneroso de Beleza Gratuíta de Fran Bueno os libros saíron do prelo sen revisión lingüística, o que desmerece en parte o gran traballo feito por estes dous historietistas.

E para rematar, anunciámosvos a próxima visita de Rafael Saldaña a Komic Librería, o venres 21 de novembro a partir das 18:00 horas, para presentar este O misterio do Pico Sacro. Contamos convosco!


Komic Librería: O misterio do Pico SacroO misterio do Pico Sacro
Rafael Saldaña

Deputación da Coruña
Tomos: 1