El momento de Aurora West, de Paul Pope, JT Petty e David Rubín: as mozas son guerreiras

Komic Librería: El momento de Aurora West


No ano 2013 o inquedo historietista estadounidense Paul Pope publicaba un impactante tebeo de grapa titulado The death of Haggard West no que nos introducía nun mundo fantástico (que ben podería ser a Terra) e concretamente nunha cidade, Arcópole, asediada por unha chea de estraños e malvados monstros contra os que loitaba un paladín local, Haggard West, que posteriormente desaparecería. Esta impresionante primeira entrega sería continuada por Battling Boy (editado no noso país a comezos do 2014), o relato da chegada a esa mesma cidade dun rapaz doutro mundo que como rito iniciático debe continuar a tarefa que antes desenvolvía o heroe West. Hai uns días (¡por fin!) recibimos na nosa librería El momento de Aurora West, a precuela desta historia, centrada en Aurora West, filla de Haggard, e na que o transgresor creador constrúe a historia coa colaboración de JT Petty no guión e deixa nas mans do galego David Rubín o traballo gráfico.

O ourensán, un autor que comparte con Pope un trazo dinámico, unha grandísima imaxinación e un grande amor pola novena arte, encaixa á perfección no universo creado polo norteamericano e debuta no mercado USA cun traballo sobresaliente.

El momento de Aurora West (DeBolsillo, 2014), primeiro de dous volumes, preséntanos Arcópole antes da desaparición de Haggard West e da chegada de Battling Boy, no intre no que o defensor da cidade decide darlle a alternativa á súa única filla, Aurora, aceptala como aprendiz e permitir que ela o axude nas súas misións contra os monstros. Ademais de asistir á formación da rapaza e coñecer bastante máis a relación entre pai e filla acompañaremos aos nosos protagonistas na procura de respostas a interrogantes tales como que anda a argallar a temible banda de Sadisto, que están a fabricar unha potente arma, ou as circunstancias que rodearon a misteriosa morte da nai de Aurora e muller de Haggard.

Komic Librería: El momento de Aurora West

Con estes ingredientes o trío Pope-Petty-Rubín realiza unha fascinante regresión cara o pasado de Arcópole, unha viaxe divertida, emocionante e chea de acción e á que, se cadra, non lle viña mal outro formato da edición (este é un libriño tamaño manga, semellante á edición estadounidense), xa que, ao igual que acontece co estilo de Pope, o debuxo de Rubín agradece unha páxina maior para gozar co seu espectacular dinamismo.

Komic Librería: El momento de Aurora West

Salientamos o feito de que, malia ter que adaptarse aos esixentes prazos de entrega do mercado editorial da outra beira do Atlántico e non contar unha historia propia, David está no seu elemento, e iso nótase. Ao igual que acontecera en Beowulf (Astiberri, 2013), onde trasladaba ás viñetas o guión de Santiago García, El momento de Aurora West ben podería estar tamén escrito por Rubín, xa que a historia contén numerosos elementos recorrentes dentro da súa obra e ademais o seu estilo acáelle como anel ao dedo a este relato de acción, misterio e xustiza protagonizada por unha heroína adolescente e que vos recomendamos encarecidamente.

Komic Librería: El momento de Aurora West

Informámosvos de que este próximo venres, 28 de novembro, teremos o inmenso pracer de contar de novo entre nós con David Rubín, que presentará e asinará exemplares de El momento de Aurora West e tamén do segundo tomo de Las tripas del Héroe. A cita será ás 18:00 horas: agardámosvos!


Komic Librería: El momento de Aurora WestEl momento de Aurora West
Paul Pope / JT Petty / David Rubín

DeBolsillo
Tomos: 1