Historias del barrio. Caminos, de Gabi Beltrán e Bartolomé Seguí: identidade consciente

Historias del barrio. Caminos


Hai pouco máis de dous anos escribimos aquí mesmo sobre o impactante regusto que nos deixara a primeira entrega deste agridoce drama poético. O arriscado posicionamento, directo e sen concesións, de Gabi Beltrán ao contarnos unha parte da súa vida foi o motivo de que subtitularamos aquela recensión «honestidad a borbotones». Vese que os editores de Astiberri gustaron desta sucinta definición, xa que a empregaron na súa páxina web para mostrar o noso punto de vista e agora aparece –coa súa versión en castelán- na contraportada da segunda entrega de Historias del barrio.

Moito nos gustou tamén este Historias del barrio. Caminos, semellante na súa estrutura e aínda mellorado no elegantísimo acabado gráfico que, como xa comentaramos, aporta certo afastamento e a perspectiva necesaria para contar unha realidade tan dura. Sen dúbida o primeiro acerto de Gabi Beltrán foi procurar e atopar a colaboración e involucración de Bartolomé Seguí.

Historias del barrio. Caminos

Inevitablemente pérdese certa frescura e aquel ton poético case casual que emerxía dalgúns intres das primeiras Historias del barrio, pero en Caminos gáñase moito tamén. As pequenas secuencias están encaixadas milimetricamente, plantéxanse situacións que se resolven de forma continua e natural, mais cunha gran sutileza colocáronse detalles que só unha lectura atenta desvelará e que son os que fan que esta banda deseñada non sexa unha máis.

Historias del barrio. Caminos

Gabi Beltrán bota peito outra vez e móstrase tal e como sempre foi. Dende os corenta e moitos anos que agora ten ve con claridade o que lle interesa contar, e para a nosa fortuna o que quere é contar a verdade. Os textos que preceden a cada capítulo son fondas reflexións escritas con mestría sobre as cousas que fixeron del a persoa que agora é. Non se chega a isto de calquera xeito, é necesario vivir toda unha vida para estar aí e sabelo, e fai falla ser un escritor enorme para contalo.

Historias del barrio. Caminos

Non sabemos se haberá ou non unha terceira entrega de Historias del barrio, ¡oxalá!, pero non imos quedar a esperar por ela: agora mesmo marchamos a buscar La gente no es como tú, o último libro de relatos deste home.


Historias del barrio. Caminos

Historias del barrio. Caminos
Gabi Beltrán / Bartolomé Seguí

Astiberri
Tomos: 1