Tramp, de Kraehn e Jusseaume: un longo periplo de tensión, violencia e decisións equivocadas

Komic Librería: Tramp (Integral 1)


Falámosvos hoxe de Tramp, magnífico tomo integral enmarcado no xénero de aventuras con tintes históricos. Unha agradable e satisfactoria sorpresa que se converte nunha emocionante e moi recomendable lectura ambientada a mediados do século XX.

Komic Librería: Tramp (Integral 1)

Julian de Trinchére é un ancián armador francés con graves problemas de saúde. Atopámonos en 1949, e tras a Segunda Guerra Mundial moitas navieiras sofren a competencia de compañías estadounidenses. A de Trinchére non é unha excepción, é máis, a súa situación financeira é catastrófica.

Komic Librería: Tramp (Integral 1)

Desacougado polo futuro da súa única filla discapacitada ao vello empresario asáltao unha diabólica idea que serviría para deixar nunha folgada situación económica á súa herdeira. Negocia a compra dun mercante desfeito coa intención de facelo desaparecer e cobrar a prima do seguro, para isto precisará dun bo número de colaboradores sen escrúpulos, xa que logo a tripulación e mais o capitán deberán necesariamente desaparecer no afundimento do barco para que un único supervivente testemuñe o máis axeitado para os intereses do armador.

Komic Librería: Tramp (Integral 1)

Así comeza a trama do primeiro do catro álbumes realizados entre 1993 e 1999 que recolee este tomo integral. A lectura desta obra, cualificada de thriller marítimo, supón unha extraordinaria descoberta para os lectores españois, tanto pola precisión da súa factura, como polo seu impecable ritmo ou a súa coidada documentación histórica. Precisamente este último é un dos aspectos salientables de Tramp (termo marítimo que define a un buque sen itinerario nin carga definidos), xa que o «Belle Hélène», que así se chama o mercante, emprenderá un periplo que o levará da costa occidental africana ata o Caribe, facendo escalas en Guinea-Conakry e en moitos portos do mar das Antillas e do Golfo de México.

Komic Librería: Tramp (Integral 1)

O xove capitán Jan Calec, sobre o que recae o peso da aventura, verase obrigado a pasar unha tempada en terra condenado pola xustiza colombiana. É neste intre cando se aportan máis datos sobre a situación política do país, aínda que ao longo dos catro álbumes son numerosísimos os detalles documentados, sobre todo a través do debuxo, que contribúen a dotar de realismo e credibilidade o relato.

Komic Librería: Tramp (Integral 1)

Moi ben plantexado, desenvolto e ben pechado, este ciclo deixa en nós moitas ganas de coñecer os novos retos aos que terá que facer fronte Jan Calec no futuro.

Komic Librería: Tramp (Integral 1)

Así pois estamos ante un dos moitos integrais de xénero histórico e de aventuras que Ponent Mon publicou durante 2014 (moitos dos cales pasarán proximamente á nosa sección de moi recomendados), que ademais nos deu a oportunidade de coñecer a estes autores dos que non tiñamos excesivas referencias editadas no noso país.


Komic Librería: Tramp (Integral 1)

Tramp (Integral 1)
Kraehn / Jusseaume

Ponent Mon
Tomos: 1