Superpatata 4, de Artur Laperla: continúan as aventuras do tubérculo superheroe
Aproveitamos a saída do cuarto volume desta estupenda serie dirixida aos primeiros lectores para falarvos de Superpatata, un peculiar mutante con extraordinarios superpoderes que é xa un dos personaxes preferidos d@s komiqueir@s máis cativ@s.
Para nós, como libreiros, non hai maior satisfacción que recibir o agradecemento da nosa clientela polos títulos que lle recomendamos. Se esta gratitude procede dun neno ou unha nena que se está a iniciar no marabilloso mundo da lectura a nosa felicidade multiplícase sobremaneira, e isto é o que nos ten acontecido en numerosas ocasións con Superpatata, o relato das aventuras dun tubérculo superheroe coas que gozan moit@s d@s nos@s visitantes máis pequech@s.
Guionizada e debuxada polo barcelonés Artur Laperla esta serie forma parte do selo Mamut, a colección que a editorial hispano francesa Bang dirixe ao público máis novo. E, como moitos outros títulos editados por eles, Superpatata soubo gañar rapidamente o agarimo dos seus lectores ata ser un dos títulos máis vendidos para esas idades. Aínda que os catro volumes dos que consta a serie están recomendados a partir dos seis anos a imaxinación e o sentido do humor que desprenden as súas páxinas fai que guste moito tamén a rapaces de idade superior.
No primeiro tomo descubrimos a Supermax, un superheroe fachendoso e narcisista que recibe a chamada do comisario da cidade para ir na busca do Doutor Malévolo, un malvado xenio criminal que vén de roubar no museo local. Ao enfrontarse con el Supermax recibe un raio creado polo Doutor que o vai convertir en… efectivamente, unha pataca!!!! Pero atención, porque malia a súa nova forma e o seu pequeno tamaño o noso protagonista conserva a súa superforza e a súa capacidade de voar, polo que agora é… Superpatata!!! E tras a sorpresa inicial de atoparse convertido nun vexetal empregará as súas habilidades para loitar contra o mal e defender aos seus concidadáns.
Construídas de xeito sinxelo, con non máis de catro viñetas por páxina e un texto doado de seguir, as aventuras de Superpatata non son unicamente unha lectura inocente e infantil, senón que mesturan sabiamente acción e diversión, e mesmo se atreven con tramas dunha certa complexidade. Na súa segunda entrega o noso heroe terá que defenderse dun caprichoso alieníxena que o quere incorporar á súa colección de mascotas, no terceiro tomo realizará unha abraiante viaxe ao pasado tentando evitar a súa conversión en pataca, e neste cuarto, e último ata o de agora, deberá facerlle fronte a Malicia a Maligna, a irmá do Doutor Malévolo e outra temible adversaria para Superpatata. Poderá saír vitorioso unha vez máis?
Volvemos felicitar e agradecer o coidado traballo de Bang pensando nas nenas e nenos que se inician na lectura e no mundo da banda deseñada, unha tarefa que consideramos fundamental e da que estamos encantados de formar parte.
Superpatata 4
Artur Laperla
Bang Ediciones
Tomos: 1