Perlas del Infierno, de Begoña García-Alén: elegante abstracción xeométrica
Hoxe falaremos da terceira publicación feita pola editorial viguesa independente Fosfatina, que volve sorprender,e moito, con Perlas del Infierno, unha banda deseñada abstracta obra de Begoña García-Alén.
Resulta envexable a arrogancia (ben entendida) entusiasta ou o entusiasmo arrogante que atopamos nas novas xeracións de historietistas e ilustradoras, propostas orixinais, ás veces tremendamente arriscadas, desenvoltas cunha liberdade e cunha confianza pasmosas. Xente que cre no que fai, que se divirte con iso e que aposta por eles mesmos sen arelar entrar nun mainstream que a estas alturas está máis que cuestionado. Claro expoñente disto é a editora viguesa Fosfatina, nada hai máis ou menos un ano e que xa nos sorprendera co marabilloso Griza Zono de Andrés Magán, e coa Laminada/Infraluminosa do propio Andrés máis Berto Fojo. Con esa valentía, esa falta de prexuízos e, como diciamos ao comezo, ese entusiasmo contaxioso presentan agora Perlas del Infierno, de Begoña García-Alén, unha obra vangardista que rompe coas convencións do medio.
A súa autora, a quen xa coñeciamos pola súa experiencia en diversos fanzines (Fire Cream, Lujo Infinito) achéganos un libro formado por cinco historias mudas e distintas que se conectan sutilmente entre sí, construídas cun minimalismo xeométrico que podería ser chamado abstracto. Unha obra chea de simbolismo que precisa da complicidade do lector ou lectora para poder degustar a súa arte, unha experiencia distinta que desafía a lóxica narrativa e resulta altamente evocadora. Un labirinto que racha coas fronteiras invisibles entre pintura e banda deseñada. Unha aposta, pois, arriscada e anovadora que non podemos máis que aplaudir e recibir calurosamente.
Convidámosvos a que vos mergulledes, sen ideas preconcebidas, na procura destas perlas infernais que, por certo, serán presentadas este vindeiro venres 27 de febreiro en Komic Librería. A cita será a partir das 18:00 horas, teremos o gustazo de estar acompañados por Begoña e por Rubén, editor de Fosfatina, e estariamos encantados de contar tamén coa vosa presenza: agardámosvos!
Perlas del Infierno
Begoña García-Alén
Fosfatina
Tomos: 1