El botones de verde caqui, de Olivier Schwartz e Yann: homenaxes e referencias

El botones verde caqui: referencias


Hai uns días comentamos por estes lares o estupendo álbum de Spirou realizado por Yann e Olivier Schwartz, El botones de verde caqui, unha magnífica historia bélica e de espionaxe que, ademais, constituíu un auténtico divertimento para os seus autores, xa que todo o tomo está cheo de homenaxes e referencias a outros historietistas, a personaxes míticos da bd franco-belga e mesmo a persoas reais. Son tantas que decidimos recollelas neste pequeno estudo que, iso si, recomendamos revisar única e exclusivamente tras a súa lectura. Agardamos que vos resulte tan interesante e divertido como a nós.


HOMENAXES A PERSONAXES DA BD CLÁSICA

Como vos comentamos hai tres grandes grupos de personaxes homenaxeados, e comezaremos por aqueles que proceden da bd, entre os que sobresaen aqueles recuperados de vellas aventuras de Spirou, como son Peloduro e a súa nai (páx. 16) ou o profesor Samovar (páx. 48) e o seu robot Radar (páx. 46). Todos eles apareceron por primeira vez en historias do noso benquerido botóns publicadas nos anos 40.

Outra das iconas desta serie, tamén responsabilidade de Franquin, é o peculiar Marsupilami, que aparece nunha estatua xunto ao seu creador na páxina 63.

El botones verde caqui: referencias

Tamén se deixan ver o aviador Buck Danny (páx. 23) -creación de Troisfontaines, Charlier e Hubinon- e William Galantine (páx. 39),  que non é outra cousa que un personaxe da Bob Marone na que o propio Yann parodiaba o Bob Morane de Vernes. Outra creación do prolífico guionista desta aventura, a pin-up Poison Ivy, está representada pintada nun dos avións aliados (páx. 56), e os lectores atentos poderán identificar tamén ao capitán Francis Blake (páx. 50), coprotagonista de Blake & Mortimer, obra de Jacobs.

Hai dúas referencias claras ás aventuras de Ásterix: mentras persiguen a Spirou polos tellados de Bruxelas, un dos soldados alemáns repite unha frase recorrente nos lexionarios romanos que rodean á vila gala (páx. 28) e, para representar os últimos focos de resistencia nazi, empregan o recurso co cal comezan todos os álbumes do noso dúo galo preferido (páx. 55). Mesmo hai espazo para homenaxear ao cómic americano, cun dos soldados aliados lendo un tebeo de Superman (páx. 56) e tamén co póster do boxeador Battling Murdock que Peloduro ten colgado no seu cuarto (páx. 16), xa que resulta ser o pai do superheroe Daredevil.


REFERENCIAS A HERGÉ

Mención aparte merecen todas as referencias sobre Hergé que hai neste libro: en primeiro lugar, e dado que a acción está ambientada na Bruxelas de 1942, fálase en máis dunha ocasión de El secreto del unicornio, historia de Tintín publicada nesas datas no xornal Le Soir, e son varios os personaxes que aparecen lendo esta aventura (páxinas 7 e 45). Un dos seus protagonistas, o coleccionista Sakharine, aparece na páxina 29 negociando por un barco nun mercado da rúa. Nesa mesma páxina podemos ver ao propio Hergé debuxando mentras un dos seus personaxes, Celestino Panza, lle rouba a carteira.

El botones verde caqui: referencias

Por suposto non podía faltar o intrépido reporteiro belga, que corre na procura dunha nova xunto ao seu fiel Milú (páx. 14), e precisamente o inseparable can de Tintín sae de novo remexendo nun caldeiro do lixo onde atopamos unha das latas de caranguexo de El cangrejo de las pinzas de oro (páx. 22).

El botones verde caqui: referencias

Aínda que non lle chegamos a ver a cara, o xordo inventor veciño de Fantasio non é outro que o profesor Tornasol (páx. 40), e o malvado doutor Müller –que aparece en La isla negra e Tintín en el país del oro negro- está representado aquí como un torturador da Gestapo (páx. 32).

El botones verde caqui: referencias

Pero alén destas referencias tintinófilas, outros personaxes de Hergé deixan a súa sinatura neste álbum: Jo e Zette (páx. 34) e os pícaros Quick e Flupke, perseguidos polo Oficial 15 (páx. 16). E, aínda que agochado baixo o anagrama do aviador Rod Nickwell (páx. 24), fai presenza o avogado inglés Nick Rodwell, actual marido da viúva do debuxante belga e administrador do seu legado.


HOMENAXES A AUTORES DA BD FRANCO-BELGA

Outro gran grupo homenaxeado en El botones de verde caqui son distintos autores da bd franco-belga (ademais da devandita estatua de Franquin), entre os que atopamos a varios que tamén fixeron historias de Spirou, e case todos aparecen dando nome a rúas e avenidas da capital de Bélxica: o creador do personaxe, máis coñecido polo seu pseudónimo Rob-Vel é a Rue Robert Velter (páx. 5), e a súa dona e tamén historietista a Rue Davine (páx. 22).

Outro dos grandes creadores de Spirou está na Rue Fournier (páx. 33), o mítico Jijé aparece co seu nome real na Rue Joseph Gillain (páx.24), e o seu irmán Henri baixo o seu alcume artístico na Rue Jean Darc (páx. 16), o autor de bd histórica Ray Saint-Yves nomea outra rúa (páx. 8), hai sitio tamén para o xornalista e crítico de bd Jo Almo (páx. 16), ou para o español José Luís Munuera (páx. 35), corresponsable actual da serie regular de Spirou xunto ao guionista Morvan, sen esquecer, claro, a Franck Le Gall, que merece unha avenida enteira para el (páx. 50).

O dúo formado por Yoann e Vehlmann dá nome a unha marca de galletas bretonas (páx. 38), e un carro de combate aliado leva pintado o nome de Greg (páx. 64). O editor e figura fundamental da historieta europea Raymond Leblanc (páx. 45) forma parte dos rebeldes belgas presos. Fálase tamén dun tal Charlie Van Hamme (páx. 39), no que semella ser unha homenaxe ao creador de XIII ou Largo Winch. E tamén debemos comentar que o propio debuxante, de apelido xermánico, aparece como soldado alemán (páx. 12).


REFERENCIAS A PERSOAS REAIS

Para rematar falarémosvos das referencias a persoas reais neste álbum, entre as que salientamos a da heroína belga Andrée de Jongh (páx. 39) e a do piloto Jean de Sélys Longchamp (páx. 50), que fan acto de presenza facendo de si mesmos: liderando a rede Cometa da Resistencia e atacando co seu avión o cuartel bruxelense da Gestapo, respectivamente.

Resulta rechamante a aparición de Audrey Hepburn (páx. 31), a famosa actriz que efectivamente naceu moi preto de Bruxelas e que aquí gañará o corazón do valeroso Spirou.

Moi divertido é o que acontece co personaxe do Comandante Jean Doisy (páx. 19), líder da oposición aos alemáns e que terá os seus máis e os seus menos co noso protagonista, cando na realidade Doisy foi redactor xefe da revista Spirou ademais de fundador do Clube de Amigos de Spirou… E tamén moi curioso é o nome do gángster colaborador dos nazis, Violette Morris (páx. 20), que en realidade foi unha muller de certa masculinidade que tamén axudou aos invasores.

Pero non só saen personaxes do pasado, senón que os autores permítense algunha que outra licenza, como pintar o nome do actual presidente dos Estados Unidos (Obama) nun tanque (páx. 63).

Ademais de todo isto, no álbum enteiro proliferan as referencias á arquitectura e á gastronomía de Bruxelas, así como a películas, cancións, obras de teatro ou literarias da época: o propio Fantasio declara ser un grande amante do dadaísmo e lector de Tristan Tzara (páx. 22), e Vercoquin e Plancton (páx. 30), dous personaxes secundarios amantes do swing, proceden directamente dunha das novelas máis divertidas do xenial Boris Vian.

E ata aquí o que vos podemos descifrar tras un par de lecturas atentas e moi entretidas de El botones de verde caqui, como podedes ver toda unha homenaxe ao mundo da banda deseñada, ademais dun excelente álbum de aventuras espectacularmente debuxado. De seguro que hai máis referencias que a nosa ignorancia ou falta de atención pasaron por alto, pero agardamos que desculpedes estas omisións e que todas estas curiosidades resultaran do voso agrado e interese.