Destino Hërgüss, de Manel Cráneo: unha viaxe fantástica cara un mundo novo

Komic Librería: Destino Hërgüss


Sempre é un grandísimo pracer poder falar da obra dalguén querido como amigo e admirado como artista, como é o caso de Manel Cráneo. E máis aínda se o título en cuestión, Destino Hërgüss, é un estupendo relato que levabamos tempo a agardar e que, unha vez nas nosas mans, sobrepasa gratamente as nosas expectativas.

Komic Librería: Destino Hërgüss

Editado pola súa propia editora, Demo, grazas a unha campaña de micromecenazgo que atopou unha magnífica resposta do público, este libro supón un novo chanzo dentro do fascinante universo do Planeta Mïncha, o proxecto multidisciplinar de ficción científica que o autor leva a construír dende hai máis de dez anos. Un planeta que garda enormes semellanzas co noso, pero tamén moitas diferenzas, e que, canto máis o coñecemos máis engaiolante resulta.

Komic Librería: Destino Hërgüss

O que comezou como unha serie de pequenas historias dunha páxina nas que Manel describía coa precisión dun naturalista as distintas e abraiantes especies animais que poboaban este mundo, e que foron publicadas en desaparecidas publicacións como Caña ou Viralatas, foi collendo máis forma como videoxogo, libros infantís e proximamente animación. Destino Hërgüss é a primeira novela gráfica de grande extensión e dirixida ao público adulto ambientada neste xigantesco e imaxinativo novo mundo.

Komic Librería: Destino Hërgüss

Está protagonizada por dous exemplares das especies de vida intelixente que habitan Mïncha: o hirflö Pichük e o longöl Tombö, que competirán por un posto dentro do prestixioso Ministerio de Ciencia. Para isto terán que pasar unha tempada nunha base situada no afastado, xélido e perigoso Hergüss, nunha das zonas máis inhóspitas deste planeta que iremos coñecendo máis ao seguir a traxectoria destes dous entrañables personaxes fantasticamente definidos.

Komic Librería: Destino Hërgüss

Con intres cheos de acción mesturados con situacións kafkianas, relacións amorosas ou crises de fe, Cráneo realiza un álbum que engancha dende o comezo, deixa ganas de máis (de moito máis!) e chega ata os seus lectores cun agarimo inmenso, palpalbe non só no excelente debuxo ou nas máxicas cores das dúas páxinas, senón que por contar conta ata cunha banda sonora musical composta (e tocada) exclusivamente para esta historia. O autor aproveita tamén para facer sutiles críticas de elementos como a relixión ou a burocracia. E todo isto coa riqueza e as posibilidades que ofrece un mundo enteiro por descubrir, un mundo que leva moito tempo na cabeza do seu autor.

Komic Librería: Destino Hërgüss

Achéganos, pois, unha obra que é a culminación dun soño levado a cabo con moito voluntarismo e grandísima imaxinación, un novo paso na carreira dun home que é, sen dúbida, unha das figuras fundamentais da bd galega, ben como editor, ben polo seu traballo como historietista, e a quen teremos o gustazo de ter en Komic Librería o vindeiro venres 10 de abril presentando precisamente esta obra:  agardamos que gocedes coa súa lectura, e tamén contar coa vosa presenza daquela.

Mincha, mincha, minchök!


Komic Librería: Destino Hërgüss

Destino Hërgüss
Manel Cráneo

Demo Editorial
Tomos: 1