Love in vain, de Dupont e Mezzo: gloria bendita para os nosos ollos e oídos

Komic Librería: Love in vain


Coma nenos pequenos antes da noite de Reis, así recibimos en Komic Librería o cómic Love in vain, a biografía dun dos nosos músicos preferidos, un fascinante retrato do Delta do Mississippi no primeiro tercio do século XX no que seguimos as enigmáticas pegadas e acordes de Robert Johnson, grazas a un traballo sobresaínte de Dupont e Mezzo.

Komic Librería: Love in vain

Aqueles que visitades a cotío Komic sabedes que unha das nosas paixóns, alén do marabilloso mundo da viñeta, é a música. Así que cando estes dous universos artísticos conflúen, e ademais dun xeito maxistral, só nos queda sentar nun sillón cómodo, abrir o libro e gozar. Isto ocorreu con obras como Rebétiko, Buscavidas ou El sueño de Meteor Slim, e é tamén o que nos aconteceu con Love in vain, un fermosísimo achegamento á figura do lendario e misterioso Robert Johnson.

Komic Librería: Love in vain

Para aqueles que non o coñezades, este compositor, guitarrista e cantante do Delta do Mississippi foi un músico que nos anos trinta revolucionou o blues, mesturando a música rural anterior a el e tradicional entre a poboación afroamericana do sur estadounidense cunhas letras rompedoras e cheas de forza. O seu particular estilo e destreza á hora de cantar e tocar a guitarra convertírono en pioneiro e precursor da música moderna, e influencia fundamental para artistas posteriores como Eric Clapton, Muddy Waters, Jimi Hendrix, The Rolling Stones ou Led Zeppelin.

Komic Librería: Love in vain

Pero non foi só o seu virtuosismo musical o que fixo del unha figura mítica, a súa breve vida –finou con tan só 27 anos, iniciando así unha macabra tradición logo continuada por outros nomes ilustres do rock- estivo marcada polo seu carácter nómada e mullereiro (de feito unha das versións sobre a súa morte é que foi envelenado por un marido ciumento) e, sobre todo, pola lenda sobre o seu pacto co demo para ser un xenio das seis cordas (este mito sureño realmente semella formar parte da historia doutro bluesman, Tommy Johnson).

Komic Librería: Love in vain

Como podedes ver non será por detalles apaixonantes na historia da súa vida, pero aínda así temos que recoñecer o estupendo traballo que fixeron os seus autores ao plasmala en Love in vain (por certo, título dunha das cancións máis rechamantes do noso protagonista), moi ben documentado (nos poucos datos coñecidos) e cunha excelente capacidade para cubrir os aspectos máis escuros ou descoñecidos da súa biografía (amais das súas escasas gravacións só conservamos tres fotografías del). O guión de Jean-Michel Dupont recolle con clase este fío de misterio que envolve a figura de Robert Johnson, mais tamén reproduce á perfección a época e mais o momento: a calor abrasadora do Mississippi, a segregación racial, as plantacións de algodón, as encrucilladas de camiños ou os antros clandestinos onde interpretaban as súas cancións os músicos de blues aparecen representados dun xeito tal que o lector vaise ver introducido inevitablemente nos distintos escenarios.

Komic Librería: Love in vain

E nisto ten moito que ver o incrible traballo de todo un vello rockeiro da bd europea, Mezzo, un ilustrador que ofrece aquí toda unha lección do emprego do branco e negro, cunha forza tremenda, case orgánica, que fai que “escoitemos” os seus debuxos e con páxinas que son auténticas estampas de época. Unha auténtica delicia que ademais gaña co formato apaisado que os propios autores escolleron para achegarse ás paisaxes planas do Delta, acadando así transmitir unha certa vertixe horizontal que lle senta de marabilla á historia. Agradecemos que Spaceman Books (que, por certo, xa publicaran outra xenialidade musical en banda deseñada: Blackface Banjo) respetara na súa estupenda edición o formato orixinal francés.

Komic Librería: Love in vain

En definitiva, un retrato engaiolante que explora a alma atormentada e a enigmática existencia dunha icona indiscutible da música, un autor de culto que recibe aquí unha merecida homenaxe dende a viñeta. Un libro que encantará a expertos e a profanos, e unha das obras fundamentais deste ano 2015.


Komic Librería: Love in vain

Love in vain
Dupont / Mezzo

Spaceman Books
Tomos: 1