Pistuví, el país de los grandes pájaros, de Merwan e Gatignol: Facerse maior pode doer

Komic Librería: Pistuví, el país de los grandes pájaros


Quen non botou de menos a súa infancia ao ver a inocencia, a despreocupada fantasía e a lóxica sen contaminar dos máis pequechos? Ao medrar e madurar gañamos moitas cousas, pero tamén perdemos outras tantas, e este proceso pode resultar doloroso. En Pistuví, el país de los grandes pájaros fálase de todo isto cun fermosísimo debuxo e unha tenra sutileza.

Komic Librería: Pistuví, el país de los grandes pájaros

Tras o curioso nome que dá título a esta obra atopamos un pequeno raposo, curioso e lambón, que vive xunto coa nena Jeanne nunha casiña chantada entre as pólas dunha árbore. A Pistuví non lle gusta achegarse ata a lagoa, pois alí hai a cotío unha chea de paxaros que tentarán falar con el e iso non debe acontecer, e menos se non está preto Jeanne coa súa ocarina da que saen notas máxicas que o protexen das aves lareteiras.

Komic Librería: Pistuví, el país de los grandes pájaros

Con este argumento chega ás nosas mans outra pequena gran xoia editada por Spaceman Books, un libro dunha fermosura poeticamente sinxela escrito e debuxado cunha sutileza que agradecemos enormemente. Unha fábula evocadora herdeira dos filmes animados de Hayao Miyazaki, ambientada nun mundo irreal e fantástico do que non é necesario entender os seus mecanismos para intuír a maioría das cousas que os seus autores queren transmitir.

Komic Librería: Pistuví, el país de los grandes pájaros

O paso do tempo, inexorable, representado no camiño da infancia á madurez, a aceptación das mudanzas que isto conleva, a dependencia da amizade ou do amor… son algúns dos temas que aparecen bosquexados nas súas páxinas, agochados nun relato aparentemente a camiño entre o costumismo e a fantasía pero que vai máis alá, unha metáfora divertida, sorprendente e conmovedora cargada de simbolismo.

Komic Librería: Pistuví, el país de los grandes pájaros

O autor do guión, Merwan, vai aportando paseniñamente mostras do seu talento de tal xeito que o consideramos xa un autor a seguir. Tras a excelente triloxía Por el imperio, realizada a catro mans xunto co enfant terrible da bd francesa Bastian Vivés, e a serie Bel-Âge conquistounos definitivamente co seu debuxo en El oro y la sangre, unha fantástica serie de aventuras xa comentada nesta páxina. E tamén resulta ser un bo escritor, cunha envexable soltura narrativa e secuencial. A economía de medios que emprega en Pistuví, el país de los grandes pájaros atopa un aliado perfecto no debuxo de Bertrand Gatignol, tremendamente limpo, expresivo e dinámico, que bebe tanto do manga como de autores contemporáneos (Cyril Pedrosa e o seu magnífico Tres sombras, sen ir máis lonxe), con viñetas que piden e merecen ser espreitadas con atención e que nos permiten descubrir outro dos novos valores da historieta gala actual. Procedente do cinema de animación o seu trazo constitúe un dos atractivos principais deste marabilloso canto á nenez e á inocencia.


Komic Librería: Pistuví, el país de los grandes pájaros

Pistuví, el país de los grandes pájaros
Merwan / Gatignol

Spaceman Books
Tomos: 1