Havarti party, de Roberta Vázquez: amizade, música e voltar ao pasado

Komic Librería: Havarti party


Encántanos falarvos desta obra, a máis extensa feita ata o momento por Roberta Vázquez, unha compostelá da colleita do 89 que promete e moito, e que neste Havarti Party recupera moitos dos personaxes do seu proxecto persoal editado como fanzine e titulado Bob y amigos.

Komic Librería: Havarti party

Protagonizadas por animais antropomórficos, as historias de Roberta Vázquez teñen un aquel que engancha, unha frescura irónica e desenfadada que fai que as situacións que viven este grupo de amigos sexan divertidas e mesmo fagan que alguén se sinta identificado.

Komic Librería: Havarti party

Atopamos o punto de partida de Havarti Party no piso que comparten o propio Havarti, decidido a lanzar a súa carreira musical como cantautor, e os seus colegas Dardo e Gorras. A posibilidade de gravar un disco levará a este trío de ornitorrincos (¿?) a unha viaxe na que retornan ao lugar onde pasaron a súa época universitaria, onde volven a ver aos seus compañeiros de farras daquela: Bob, Coconuto, Pistilo...

Komic Librería: Havarti party

Chegados a este punto cómpre lembrar esa frase tantas veces repetida sobre que nunca debemos volver aos lugares onde fumos felices. Realmente non sabemos se isto é certo ou non, cada persoa terá a súa experiencia, e os nosos protagonistas poderán tamén opinar sobre ela, xa que o reencontro co seu pasado se cadra non é tan bucólico como podía parecer nun principio.

Komic Librería: Havarti party

Ao longo dos sete capítulos que conforman as 56 páxinas en branco e negro deste relato sorprendemente circular, cheas de referencias musicais (que van de Cream a Pantera pasando por Daft Punk ou Led Zeppelin) descubriremos os lados máis doces e máis agres da relación deste grupo de amigos, seremos testemuñas das súas miserias e dos seus triunfos e, sobre todo, quedaremos con ganas de máis despois de ler esta estupenda edición levada a cabo pola editora viguesa Fosfatina, á que agradecemos enormemente que continúe a súa aposta pola banda deseñada menos convencional.

Komic Librería: Havarti party

Aproveitamos ademais para anunciaros que teremos o pracer de contar coa presenza de Roberta Vázquez en Komic Librería para presentar este Havarti Party, o vindeiro venres 5 de xuño: agardámosvos!


Komic Librería: Havarti party

Havarti party
Roberta Vázquez

Fosfatina
Tomos: 1