La máscara, de Franquin: unha aventura clásica de Spirou magnificamente editada

Komic Librería: La máscara


Marabillados, encantados, satisfeitos, emocionados... así nos sentimos tras chegar ás nosas mans a fenomenal edición que Dibbuks vén de publicar de La máscara, un dos álbumes clásicos de Spirou realizados polo xenial André Franquin.

Komic Librería: La máscara

Cando se fixo cargo das aventuras do intrépido botóns, aló por 1946, Franquin non era máis que un prometedor historietista. Nas historias de Spirou atopou un lugar perfecto para crear un universo propio ao tempo que experimentaba coas posibilidades gráficas e expresivas da banda deseñada. Podemos dicir, xa que logo, que do encontro entre este autor e este personaxe xurdíu unha relación simbiótica, relación que durou 22 anos nos que Spirou pasou a ser un dos personaxes clásicos da bd franco-belga e nos que Franquin acadou o recoñecemento á súa arte e o favor do público, chegando a ser un dos nomes imprescindibles da novena arte.

Komic Librería: La máscara

Neste álbum, o sexto realizado por este autor e editado orixinariamente en 1954 (cando contaba tan só con trinta anos de idade), Franquin desenvolve unha trama de xénero negro cun certo aquel aos filmes de Hitchcock, xa que introduce a figura do falso culpable como elemento principal do argumento, e constrúe unha trama dinámica, imaxinativa e chea de ritmo. Unha lectura áxil que atrapa aos seus lectores dende a primeira páxina e onde veremos a Spirou e ao seu inseparable Fantasio empregar toda a súa pericia para atopar a verdade.

Komic Librería: La máscara

No apartado gráfico o traballo do creador belga resulta tamén excepcional, cun emprego limpísimo do branco e negro e varias escenas totalmente antolóxicas (a da carreira ciclista é unha auténtica marabilla).

Komic Librería: La máscara

Cómpre salientar a fenomenal edición realizada por Dibbuks, da que nos gusta todo (o papel, a portada, a rotulación, a tradución…) pero que conta ademais co atractivo engadido de ser unha edición anotada, con interesantísimos comentarios por parte do xornalista Hugues Dayez. Así pois, ademais dunha estupenda historia de intriga e aventuras estamos diante dun libro de coleccionista que fará as delicias de todos os seguidores de Spirou. Felicitamos á editora que, tras a boa acollida de El botones de verde caqui volve demostrar a súa aposta por este personaxe que, malia ser unha institución do medio en Francia e Bélxica, aínda non se coñece todo o que debería por estas terras.


Komic Librería: La máscara

La máscara
Franquin

Dibbuks
Tomos: 1