KENIA, de Rodolphe e Leo: aventuras e ciencia-ficción na África dos anos corenta

Kenia


Publícase, por fin, esta serie de espionaxe e ciencia-ficción ambientada en África e na que o autor da exitosa Los mundos de Aldebarán, acompañado de Rodolphe ao guión, volve demostrar o seu tino para contarnos unha trepidante historia chea de intriga e misterios.

Kenia

Sodes lexión @s komiqueir@s atrapad@s no engaiolante universo que o veterano historietista brasileiro Luiz Eduardo de Oliveira (Leo) plantexa na súa serie Los mundos de Aldebarán, unha serie futurista ambientada en planetas moi afastados da Terra e da que, tras o gran éxito das súas dúas primeiras entregas, Aldebarán e Betelgeuse, agardamos impacientes o seu terceiro ciclo, Antares.

Para saciar a nosa sede ata que ese momento chegue ECC vén de editar a pasada semana un tomo integral cos cinco volumes de Kenia, unha serie que foi publicada en Francia entre 2001 e 2009 e na que Leo repite colaboración con Rodolphe no guión, ao igual que na colección Trent (as aventuras dun policía montada do Canadá a finais do século XIX, da que xa vos falamos aquí hai uns meses).

Kenia

Atopámonos ante unha atractiva historia ambientada en África pouco despois da fin da Segunda Guerra Mundial. A misteriosa desaparición dun safari organizado polo escritor estadounidense John Remington nas proximidades do Kilimanjaro esperta o interese dos servizos secretos británicos, que envían a unha muller, Katherine Austin, a investigar os feitos. A combinación da súa sutil intelixencia máis un chisco de sorte farán que contacte co único supervivente do safari, e deste xeito comezará a desenlear o novelo dos misterios que están a acontecer naquelas terras. A sorprendente aparición de distintos animais prehistóricos e dunhas estrañas luces no ceo empezan a complicar a trama e fan sospeitar da presenza de seres extraterrestres. Ao mesmo tempo a nosa protagonista vai ser consciente de que todo este cúmulo de extraordinarias circunstancias chamou a atención doutras potencias nos prolegómenos da Guerra Fría.

Kenia

Os autores desenvolven con grande acerto os inicios deste argumento, dosificando sabiamente as intrigas, construíndo con certeza os personaxes e creando un ritmo narrativo moi fluído no que os acontecementos, a cada cal máis sorprendente, ocorren un tras doutro. Isto provoca que a súa lectura, malia tratarse de cinco álbumes xuntos, sexa agradable e interesante. Se cadra este ritmo perde un pouquiño de forza no seu tramo final, polo que a obra non é tan redonda coma os ciclos de Aldebarán, pero isto non afecta excesivamente ao conxunto de Kenia, que resulta ser unha estupenda mestura de distintos xéneros clásicos, como son o de aventuras, a ciencia ficción e o de espías.

Kenia

Todo isto vén acompañado do correctísimo debuxo de Leo, que demostra o seu bo facer tanto á hora de ilustrar animais (actuais ou prehistóricos), persoas ou vehículos de época (avións, coches, barcos) coa sabana africana como escenario principal.

En definitiva, unha lectura moi interesante con sabor clásico que vos recomendamos coa seguridade de que ides gozar con ela.


Kenia

Kenia
Rodolphe / Leo

ECC Cómics
Tomos: 1