Cazador de sonrisas, de Agustín Ferrer: a outra cara do soño americano

Komic Librería: Cazador de sonrisas


Hoxe presentámosvos Cazador de sonrisas, unha obra que, sen ser unha novidade, xa que se editou hai uns meses, é unha das lecturas que máis nos sorprenderon e gustaron neste 2015. Serviunos ademais para descubrir ao seu autor, o autodidacta Agustín Ferrer, e darlle a benvida a unha nova editora, a valenciana Grafito Editorial.

Komic Librería: Cazador de sonrisas

Nos últimos anos apareceron no mercado español numerosos novos proxectos editoriais no eido da banda deseñada, apostas valentes e arriscadas no difícil momento económico actual, pero algúns, malia estar levados a cabo con entusiasmo e voluntarismo, careceron dun criterio claro e de realismo á hora de editar, o que complica as súas expectativas de futuro. Agardamos que este non sexa o caso da recentemente creada Grafito Editorial, que aprobou con nota no seu debut de hai uns meses: a sorprendente Cazador de sonrisas, unha historia ambientada nos Estados Unidos a comezos dos anos sesenta.

Komic Librería: Cazador de sonrisas

O seu argumento xira arredor de Herbert F.Dunne, un amable dentista de prestixio que encarna á perfección o american way of life. Recoñecido e aprezado polos seus veciños na tranquila vila costeira de Oceanside, California, segue namorado da súa muller Sara, ten unha filla adolescente, Lucille, que o adora, unha estupenda casa con xardín e piscina e un coche deportivo descapotable. Un triunfador para o que, aparentemente, todo é perfecto na súa vida. Ata que comezan a producirse unha serie de macabras agresións na súa apacible comunidade, ataques violentos que perturbarán a calma habitual de Oceanside e farán que o soño americano no que vive Herbert mostre de xeito sorprendentemente escuro o que realmente agocha.

Komic Librería: Cazador de sonrisas

Coa sutileza e precisión dun experto odontólogo o seu autor vai conformando unha historia na que mestura a intriga do xénero negro co humor negro da crítica social ou mesmo a parodia. O seu relato está moi ben fiado, con interesantísimos xiros argumentais, e atrapa aos lectores facendo que fiquemos atentos e sen movernos ata a derradeira páxina, como se estiveramos sentados na silla do noso dentista protagonista. A esta solvencia narrativa cómpre sumar un debuxo excelente, moi documentado e cun estilo propio e definido, ademais dun excelente emprego da cor.

Komic Librería: Cazador de sonrisas

Todas estas cualidades fan que nos preguntemos como non coñecimos antes o nome de Agustín Ferrer, un artista autodidacta que demostra en Cazador de sonrisas a súa veteranía (non pola súa idade, xa que escasamente sobrepasa os corenta anos, senón pola súa extensa experiencia á hora de participar –e ser galardoado– en diferentes certames de historieta) e nos deixa cun enorme interese polas súas obras pasadas e futuras.

Komic Librería: Cazador de sonrisas

Por se este relato gráfico non fora atractivo dabondo a súa edición está moi coidada, cuns extras moi interesantes para coñecer o proceso creativo do autor, e na que se inclúe tamén unha lámina e un póster (no que ademais se nos conta un interesante episodio que non aparece no álbum) de agasallo. Unha obra, en definitiva, que resulta ser unha prometedora e sorprendente visita ao dentista e que vos recomendamos coa seguridade de que vos vai gustar, e moito.


Komic Librería: Cazador de sonrisas

Cazador de sonrisas
Agustín Ferrer

Grafito Editorial
Tomos: 1