Os que levan o lume, de Álvaro López: sobrevivir nun mundo cruel

Os que levan o lume


Tras a volta de agosto volvemos á normalidade e, como non, ás presentacións. Nesta ocasión teremos de novo entre nós a dous vellos coñecidos, Álvaro López e Luís Sendón, que presentarán en Komic Librería Os que levan o lume, última obra de Álvaro (da que vos falamos hoxe), e o terceiro número de Altar Mutante, publicación de terror e ciencia-ficción que comandan entre os dous (da que vos falamos aquí). Tan magno evento terá lugar este vindeiro venres, 11 de setembro, ás 18:00 horas: agardámosvos!

Os que levan o lume

Chegada ás nosas mans durante o pasado Viñetas desde o Atlántico, Os que levan o lume é a nova obra de Álvaro López, un prolífico e inquedo artista coruñés que formou parte do extinto colectivo Polaqia, do que era un dos seus membros máis activos. O que aquí nos presenta é un relato plantexado en dúas partes ben diferenciadas.

Os que levan o lume

Por unha banda atopamos un mundo inhóspito, frío e cruel, sempre cuberto pola neve e no que unha terrible enfermidade sen cura asola aos seus habitantes. A nosa protagonista, Oksana, é unha rapaza que forma parte do pobo que leva o lume. Axudante do mestre Aristarkh, viaxa canda el nunha comitiva que atravesa o páramo xeado, pero as circunstancias farán que teña que valerse por si mesma para sobrevivir nun entorno tan hostil.

E no mesmo escenario, pero nun tempo anterior, descubrimos a historia dunha nena á que a vida tamén colocou na mesma situación anos atrás. O seu camiño converxerá co de Oksana de xeito sorprendente e inesperado.

Os que levan o lume

Cun acertado emprego dos recursos narrativos o autor acada unha obra de gran ritmo e fluidez, mantendo as intrigas propostas ata o último intre. A nivel gráfico aprezamos tamén unha evolución dende traballos anteriores, cun debuxo menos cargado que se adapta perfectamente á historia.

Os que levan o lume

Estamos, pois, ante un título moi atractivo para os públicos adolescente e adulto, que continúa un xénero que, aínda que non é dos máis habituais na bd galega, conta xa con varios títulos máis que interesantes (Cuimhne, de Kike Benlloch e Jose Domingo, ou El Héroe, de David Rubín, son bos exemplos disto).


Os que levan o lume

Os que levan o lume
Álvaro López

Demo Editorial
Tomos: 1