Enigma, la extraña vida de Alan Turing, de Riccioni e Pettinato: a biografía gráfica do pai da computación

Komic Librería: Enigma, la extraña vida de Alan Turing


Recomendámosvos hoxe esta achega en viñetas á figura de Alan Turing, un xenial matemático e filósofo inxustamente tratado pola historia pero que é unha figura esencial para comprender o mundo no que vivimos.

No transcorrer do tempo queda ben claro que existe unha historia real e outra historia oficial. Esta última está escrita polos «vencedores», o que desacredita o carácter dogmático que lle presupoñemos e provoca, entroutras manipulacións, que moitas mulleres e homes non acaden o recoñecemento que polos seus logros merecen. Pensamos en casos coma o de Ada Lovelace (a primeira programadora, na primeira metade do século XIX), Nikola Tesla (o xenial científico que inventou a corrente alterna ou a radio) ou Lise Meitner (descubridora da fisión nuclear). Pero se alguén, na nosa opinión, leva a palma neste ranking de xenios esquecidos é Alan Turing.

Komic Librería: Enigma, la extraña vida de Alan Turing

A obra deste matemático inglés, nado en 1912, foi decisiva para a construción do mundo actual, xa que as súas investigacións e teorías sentaron os principios dos ordenadores que todas e todos empregamos hoxe en día. Ademais disto foi un dos primeiros científicos en investigar sobre a intelixencia artificial, desenvolvendo un test, o chamado Test de Turing, que comeza cunha frase mítica («¿Poden pensar as máquinas?»), ten completa vixencia a día de hoxe e que, como curiosidade, inspirou a proba que realizan en Blade Runner para diferenciar aos replicantes dos humanos.

Komic Librería: Enigma, la extraña vida de Alan Turing

Pero este científico é fundamental para entender o noso presente non só polas súas achegas nos eidos da computación ou da I.A., senón que foi o seu traballo (e o do seu equipo) na criptoanálise o que permitiu crear a computadora Colossus, coa cal descifraron as mensaxes transmitidas por Enigma, a máquina de codificación comunicativa desenvolvida e empregada polos nazis, o que permitiu mudar o curso da Segunda Guerra Mundial.

Komic Librería: Enigma, la extraña vida de Alan Turing

O seu innegable xenio e o seu fundamental papel no conflito bélico non puideron evitar que a estrita moral e as ridículas leis da época (que consideraban a homosexualidade un delito) o acusaran e condenaran por «atentado violento ao pudor» pola súa condición sexual. Para evitar ir á cadea aceptou someterse a un proceso de castración química, e as secuelas deste tratamento leváronno a suicidarse (segundo a versión oficial) en 1954 comendo unha mazá envelenada con cianuro (que anos máis tarde, como podedes imaxinar e a modo de homenaxe, converteuse no logo de Apple).

Komic Librería: Enigma, la extraña vida de Alan Turing

No ano 2009, o daquela Primeiro Ministro británico, Gordon Brown, recoñeceu a importancia da súa figura e a inxustiza da súa condena nunha carta oficial, pero non foi ata decembro de 2013, hai menos de dous anos, que a raíña Isabel II exonerou oficialmente a Turing, anulando todos os cargos na súa contra e rehabilitando o seu nome.

Komic Librería: Enigma, la extraña vida de Alan Turing

Unha parella de autores procedentes de Italia, a guionista Francesca Riccioni e o debuxante Tuono Pettinato, decidiron afrontar a difícil tarefa de levar esta fascinante vida ás viñetas, e o certo é que gostamos moito do resultado final.

Komic Librería: Enigma, la extraña vida de Alan Turing

De xeito documentado e ao mesmo tempo divertido recollen neste libro varios dos episodios ou anécdotas esenciais da súa biografía, ademais de mostrar con sinxeleza e claridade as súas teorías e descobertas, e así acadan transmitir gran parte do que foi este home, personaxe fundamental do século XX.

Empregan para isto unha ilustración caricaturesca que aporta dinamismo e ritmo á lectura, que semella ser asequible para todo tipo de público e que vos recomendamos para coñecer mellor ou descubrir esta interesantísima figura á que lle temos moito que agradecer.


Komic Librería: Enigma, la extraña vida de Alan Turing

Enigma, la extraña vida de Alan Turing
Francesca Riccioni / Tuono Pettinato

Norma
Tomos: 1