El mundo a tus pies, de Nadar: unha crúa labazada de realidade
Cando hai pouco máis de dous anos Astiberri publicou Papel Estrujado, a primeira obra longa de Nadar, foi como destapar o tarro das esencias. Case todos caímos rendidos ao descubrir unha ópera prima tan extensa como acertada. Xa que logo, agardabamos con impaciencia o seu segundo libro, sabendo de antemán que a ambientación no presente e o enfoque realista implicarían probablemente un relato incómodo e afastado de convencionalismos.
Existe un dito moi empregado na nosa terra que conta que cando un non quere unha cunca de caldo, remata tomando dúas... ou tres. O certo é que non poderiamos atopar outra máis axeitada para a ocasión, pois encontrámonos con tres historias independentes, cadansúa co seu propio protagonista. Facelos coincidir no mesmo contexto podería resultar forzado de máis, quedando a súa credibilidade e o seu perfil psicolóxico comprometidos, polo que, con sensatez, o autor optou por unha solución estrutural máis sinxela. Despois de todo, o nexo de unión e o que fai de El mundo a tus pies un libro sólido é o seu tema esencial, que ademais tinxe de preocupación os días de todos os seus actores: a precariedade laboral.
Na primeira historia vemos como Carlos, un enxeñeiro duns trinta anos que conta como única experiencia laboral uns cantos anos como dependente nunha tenda de roupa, recibe por fin unha oferta de traballo allea ao mundo académico e ben remunerada. Só ten unha péga: é en Tallin (Estonia), e debe decidir de xeito inmediato se a acepta ou non. Di que si sen pensalo e sen tempo para consultalo coa súa parella, con quen mantiña ata o de agora unha relación estable e feliz. A sucesión de acontecementos e estados de ánimo polos que debe pasar Carlos e os seus achegados máis queridos están relatados con habilidad,e empregando recursos tales como saltos temporais, longos silencios e diálogos moi verosemellantes, cos que Nadar nos introduce nas súas vidas e nos seus máis fondos pensamentos.
As dúas historias restantes non son nin menos dramáticas nin menos cribles. Tanto se a formación é ampla e especializada como se esta é escasa, fannos ver que o mercado do traballo nunca fora tan inaccesible para a xente nova. Plantexan enfrontamentos xeracionais, mostran como as clases máis acomodadas case nunca están dispostas a mirar cara os desfavorecidos e menos aínda a perder os seus privilexios. Fannos pensar que, malia que todos temos dereito a nos equivocar, a vida non sempre dá unha segunda oportunidade e que é imposible voltar atrás para facer as cousas que cando eramos máis novos non quixemos facer, que algúns viven nunha agonía permanente mentras que outra xente na mesma situación anímase con calquera cousa e nunca se preocupan por nada. Hai tamén nunha curta pasaxe unha velada referencia aos sentimentos e sensacións que agromaron certo 15 de maio que hoxe semella moi lonxe, e que parecen terse esvaecido case por completo.
Na vida de cada persoa sempre hai e sempre haberá esperanza, na dos nosos protagonistas e na de cada un de nós por suposto que tamén, pero, sendo realistas, no mercado laboral actual do noso contorno non hai moitos sinais de que algo poida mudar a curto prazo.
Nadar é un dos escasos autores que se atreve a contar as cousas que están a acontecer aquí e agora mesmo, non se queda no superfluo nin se agocha no artificioso e, sobre todo, confirma o que intuímos cando o coñecimos: é un narrador infalible.
El mundo a tus pies
Astiberri
Editorial
Tomos: 1