Astérix. O papiro do César, de Ferri e Conrad: o agradecido retorno dos nosos galos preferidos

Komic Librería: Astérix. El papiro del César


Dous anos despois de Astérix e os pictos sae do prelo O papiro do César, a segunda aventura dos míticos e irredutibles galos feita por Jean-Yves Ferri e Didier Conrad, e nela podemos aprezar como os seus autores xa non están tan condicionados pola responsabilidade de seguir adiante coas aventuras da famosa parella de guerreiros e constrúen unha divertida parodia da sociedade da información.

Komic Librería: Astérix. El papiro del César

Cando hai dous anos recibimos Astérix e os pictos, o primeiro álbum da serie realizado por Jean-Yves Ferri e Didier Conrad, aprezamos que os autores afrontaran de xeito conservador e clásico o encargo do propio Uderzo de proseguir coas aventuras dos seus personaxes máis coñecidos, como se dalgunha maneira a responsabilidade fora tan grande que preferiran non arriscar.

Komic Librería: Astérix. El papiro del César

Notamos agora, tras a lectura do recén chegado O papiro do César, que o novo dúo creativo responsable das aventuras de Astérix e Obélix acada liberarse desta «presión» e plantexar un relato máis redondo, cun maior número de matices que o anterior. Unha lectura, na nosa opinión, máis satisfactoria para os numerosísimos fans da parella de galos máis famosa da historia e que chega ás librarías cunhas cifras espectaculares para tratarse dunha banda deseñada: 160.000 exemplares en castelán, 25.000 en catalán, 4.000 tomos en éuscaro, 3.000 en galego e 1.500 en bable.

Komic Librería: Astérix. El papiro del César

Dentro dos guións do xenial René Goscinny, responsable da historia dos primeiros vintecatro tomos de Astérix, non é difícil atopar referencias a sucesos contemporáneos á publicación de cada álbum, mesturadas con alusións a elementos clásicos, e nisto pode que resida unha das claves do éxito desta histórica serie. Como exemplo pensamos en títulos como A residencia dos deuses, onde se parodia o desmesurado boom inmobiliario dos anos setenta, ou Obélix e Compañía, crítica que ridiculiza a situacion política francesa daquela e o consumismo esaxerado que remata provocando crises económicas. Pois ben, en O papiro do César o divertido texto de Ferri opta por continuar este camiño e basearse na nosa realidade actual para construír a historia. E faino apoiándose nas comunicacións humanas, un eido que mudou sobremaneira durante os últimos anos por mor dos progresos tecnolóxicos e as súas consecuencias.

Komic Librería: Astérix. El papiro del César

O argumento céntrase nun hipotético capítulo censurado dos Comentarios sobre a guerra das Galias, o relato escrito polo propio César acerca das batallas e intrigas necesarias para conquistar este territorio. No devandito episodio o líder romano fala con sinceridade de certa aldea poboada por certos galos que resiste, agora e sempre, ao invasor. Esta honestidade non é compartida polo editor Bonus Promocionus, que convence a César para retirar este capítulo e así testemuñar a conquista total da Galia enteira. Pero unha copia do mesmo vai chegar a mans de Dobrepolémix, un chalán e «xornalista» baseado na figura de Julian Assange, responsable do sitio web Wikileaks.

Komic Librería: Astérix. El papiro del César

Dobrepolémix, perseguido polas forzas romanas, que tentan recuperar o papiro perdido a toda costa, procurará a axuda dos nosos intrépidos protagonistas para sacar á luz a mentira da «versión oficial» da conquista romana.

Komic Librería: Astérix. El papiro del César

Con estes vimbios Ferri e Conrad analizan de xeito humorístico distintos aspectos interesantes da comunicación humana: dende a censura na prensa, a confrontación entre literatura escrita e de transmisión oral, a figura do «negro» literario, ata a confusión que a información errónea –ou incompleta– pode producir, etc. Xa que logo polas páxinas deste trixésimo sexto álbum de Astérix veremos aparecer pombas mensaxeiras, prensa escrita, un galo chamado Redewífix, un romano de nome Antivirus, paxariños azuis que chían, mensaxes que por transmisión masiva chegan con rapidez da pequena vila da Armórica ata a afastada fraga dos Carnutos... Toda unha intelixente compilación de recursos comunicativos feita con sutileza.

Komic Librería: Astérix. El papiro del César

Sen chegar á xenialidade das historias asinadas por Goscinny e Uderzo (homenaxeados, por certo, nunha páxina final que pecha un ciclo e abre outro) atopámonos ante un dos mellores álbumes da serie dende o pasamento do seu guionista orixinal, aló polo ano 1977, o que non deixa de ser unha gran nova para as lectoras e lectores amantes dos entrañables heroes galos. Semella que o vello raposo de Uderzo non se equivocou á hora de deixar o seu particular imperio noutras mans, polo que, ou iso pensamos nós, o futuro pinta ben, ferpectamente ben.


Komic Librería: Astérix. El papiro del César

Astérix. O papiro do César
Jean-Yves Ferri / Didier Conrad

Xerais / Salvat
Tomos: 1