Antares (Los Mundos de Aldebarán, Ciclo 3), de Leo: aquí está todo o que agardabamos

Komic Librería: Antares (Los Mundos de Aldebarán, Ciclo 3)


Tras varios anos de espera celebramos a publicación, hai unhas semanas, do terceiro ciclo de Los mundos de Aldebarán, unha exitosa e interesantísima saga de ciencia-ficción que moitos coñeceredes. Editado nun tomo integral que reúne os seis álbumes individuais deste novo arco argumental, Antares non decepcionará aos seus numerosos seguidores.

Komic Librería: Antares (Los Mundos de Aldebarán, Ciclo 3)

Eran moitas, e moi altas, as expectativas que tiñamos en mente durante a longa espera que tivemos que sufrir dende que limos os dous primeiros ciclos de Los mundos de Aldebarán. E, con toda sinceridade, podemos asegurar que se cumpriron con creces as ilusións que tiñamos postas en Antares.

Komic Librería: Antares (Los Mundos de Aldebarán, Ciclo 3)

Por unha banda non ten prezo ver as caras de satisfacción de moitos que durante anos arelabades ter nas mans o terceiro volume desta saga, por outra comprobar que as sensacións son igual de boas, dende as primeiras páxinas ata o final do sexto álbum que contén este integral. Non é doado manter o listón tan alto despois de dezaseis álbumes (lembramos que os dous primeiros ciclos constaban de cinco tomos cada un), pero Leo acada a mesma frescura á que nos ten afeitos, e aporta unha chea de novas ideas e o frenético ritmo de acontecementos, dúas das características diferenciais e definitorias no concepto desta saga. O veterano autor brasileiro tamén redactou un pequeno prólogo e unha introdución con algúns datos mínimos, pero necesarios, que sirven para refrescar o acontecido no pasado e para que calquera novo lector que non coñecera previamente a obra poida gozar con ela do mesmo xeito.

Komic Librería: Antares (Los Mundos de Aldebarán, Ciclo 3)

Os dous primeiros tomos integrais desta serie son as obras máis vendidas na nosa librería dende 2008, ano no que se publicou Aldebarán, e por este motivo non queremos desvelar moitas das enxeñosas e imaxinativas ideas que nos propón o autor. Si diremos que a protagonista absoluta segue a ser a moza Kim Keller, a quen atopamos en París no ano 2196 convertida, moi ao seu pesar, nunha figura mediática trala súa heroica actuación na fracasada colonización de Betelgeuse.

Komic Librería: Antares (Los Mundos de Aldebarán, Ciclo 3)

Neste mismo intre atópase en fase de proxecto a colonización doutro planeta descoñecido, Antares, e un dos donos da corporación que pon os medios para esta odisea fai todo o posible para conseguir que Kim se enrole como peza clave na tripulación que conducirá aos primeiros colonos. Cando os seus plans eran botar unha longa e tranquila tempada nunha praia do seu planeta natal Aldebarán, vaise ver obrigada a unha nova aventura cargada de tensión e perigos. Máis adiante decatarase que pode que nacera para iso, que o seu desexo de tranquilidade e seguridade poden ser falsas sensacións e que cequais non pode vivir sen unha dose habitual de aventura e adrenalina.

Komic Librería: Antares (Los Mundos de Aldebarán, Ciclo 3)

Pola súa beleza, eficacia e carisma (un tras outro os personaxes masculinos van caer rendidos aos seus encantos) Kim recorda ao arquetipo da muller encarnada outras veces na literatura, coma por exemplo o personaxe de Ayla en El clan de oso cavernario, ou no cine o de Ripley en Alien ou o de Rey na recentemente estreada El despertar de la fuerza, que ben podería acabar convertíndose nalgo semellante.

Komic Librería: Antares (Los Mundos de Aldebarán, Ciclo 3)

Non podemos ocultar tampouco o que calquera observa nunha primeira ollada a estas páxinas, o espectacular exotismo da flora e da fauna do planeta Antares, algo que deixa de ser simplemente un decorado para convertirse noutra fonte de inquedanza para os personaxes e para o lector.

Komic Librería: Antares (Los Mundos de Aldebarán, Ciclo 3)

En fin, son tantas, tan brillantes e tan ben pechadas as ideas que propón Leo que non podían ter saído máis que dunha mentre prodixiosa como a súa, malia que como el mesmo confesa o seu imaxinario bebe directamente do que viviu.

Gustarianos contar moito máis pero preferimos que sexades vós os que descubrades e vos emocionedes con todo o que hai en Antares, que non é nin máis nin menos todo o que agardabamos dende hai tantos anos.

E o mellor: isto non remata aquí.


Komic Librería: Antares (Los Mundos de Aldebarán, Ciclo 3)

Antares (Los Mundos de Aldebarán, Ciclo 3)
Leo

ECC Ediciones
Tomos: 1