Un gusano en la fruta, de Pascal Rabaté: un costumista e sorprendente thriller rural

Komic Librería: Un gusano en la fruta


Con ledicia e emoción recibimos en Komic Librería a publicación de Un gusano en la fruta, de Pascal Rabaté, un relato negro e costumista que é unha das obras máis salientables do historietista e cineasta galo e que permanecía inédita en castelán.

Komic Librería: Un gusano en la fruta

Moito aprezamos as historias que dende hai máis de dúas décadas nos presenta o inquedo creador francés Pascal Rabaté, un excelente narrador que está considerado como unha voz fundamental na renovación da bd francesa e que coñecimos a finais do século pasado coa rechamante tetraloxía Íbicus, na que adaptaba, cun estilo gráfico fermoso e único, a novela homónima de Alexis Tolstoi. Malia o seu prestixio aínda quedan bastantes das súas obras sen publicar no mercado español, como este Un gusano en la fruta que, editado orixinariamente en 1997, permanecía inédito por estas terras e que hoxe temos o enorme pracer de vos comentar.

Komic Librería: Un gusano en la fruta

Como se dun Balzac contemporáneo se tratara, Rabaté atópase moi a gusto situando as súas historias nun ambiente rural para espreitar e diseccionar as miserias e grandezas da «comedia humana». Foxe das grandes urbes cosmopolitas e prefire o ecosistema das vilas pequenas, onde todo o mundo se coñece e os rancores, envexas ou enfrontamentos non poden ser agochados polo anonimato das cidades. Neste tipo de escenario ambientou os seus relatos negros Revienta, cerdo e Ropa sucia, o divertidísimo La virgen de plástico, o traxicómico La tienda de las ilusiones ou o excelente Río abajo, a marabillosa demostración de que nunca é tarde para aprender cousas novas, e agora regresa aos nosos andeis con esta historia costumista ambientada a comezos dos anos sesenta na pequena vila de Restigné.

Komic Librería: Un gusano en la fruta

Ata esta localidade, situada no centro de Francia, preto do Loira e rodeada de grandes viñedos, chega Pierre, un cura recén saído do seminario que afronta con entusiasmo e un aquel romántico o seu primeiro destino como sacerdote, xusto tras un terrible accidente consecuencia dun conflito entre dúas familias viticultoras que sume á vila nun clima de sospeita e desconfianza e que non será esclarecido ata a sorprendente resolución que atopamos no epílogo.

Komic Librería: Un gusano en la fruta

Este sacerdote inexperto, protagonista principal do relato, funciona como observador da vida cotiá da vila e dos seus habitantes, e a través da súa visión un Rabaté en estado de graza aproveita para mergullarse no fondo da alma humana, construíndo uns personaxes definidos con acerto e na súa xusta medida, e dos que mostra con elegante cinismo a súa dobre moral e hipocresía.

Xa que logo estamos perante unha pequena xoia baseada na intriga, no costumismo e no humor negro, unha obra de inusual xénero noir que resulta atractiva tamén polo seu alto nivel gráfico, cun branco e negro sinxelo pero moi efectivo no que sobresae a grande expresividade dos rostros humanos e a súa economía de medios.


Komic Librería: Un gusano en la fruta

Un gusano en la fruta
Pascal Rabaté

Norma
Tomos: 1