La carga, de Mariano Casas: o sorprendente regreso dun autor prolífico e polifacético

Komic Librería: La carga


Traémosvos hoxe como primicia mundial La carga, unha nova obra (se botamos ben as contas é xa a novena) do prolífico e polifacético Mariano Casas, que o autor presentará en Komic Librería o próximo venres, 8 de abril, ás 18:00 horas.

Komic Librería: La carga

Mariano Casas opta de novo por propoñer o micromecenazgo (ou crowdfunding) como vía de financiamento para a publicación deste título, unha alternativa na que é pioneiro no eido da bd, xa que os seus primeiros álbumes (Historias de Mariano, o primeiro deles, data de 2006) foron editados tamén grazas ás achegas de numerosos mecenas distintos.

Komic Librería: La carga

Trátase nesta ocasión dunha edición dobre, xa que a obra pode ser adquirida cunha portada serigrafiada ou cun gravado (en linóleo) numerado.

Komic Librería: La carga

No aspecto narrativo Mariano non se afasta moito dos seus relatos anteriores: de novo recrea unha atmósfera de tensión e inquedanza, algo tan habitual que é xa un signo diferencial do seu estilo. Como novidade, o feito de que toda a aventura transcorre dentro ou arredor dunha furgoneta, o que nos fai gozar das súas páxinas a ritmo de road-movie.

Komic Librería: La carga

Si que nos sorprendeu, moito e para ben, na parte gráfica cun traballo moi orgánico, máis próximo á súa obra pictórica, onde, por certo, son tamén recorrentes as aparicións de coches, camións e furgonetas.

Komic Librería: La carga

Non é esta a súa primeira tentativa de levar esta técnica ás páxinas dunha banda deseñada, porque xa o tentara en La mancha negra. Porén, agora conta cunha maior destreza e precisión, polo que os logros son maiores, as páxinas poden ser observadas coma se foran cadros de maior tamaño, e o branco e negro sen matices reforza os ambientes de pesadelo claustrofóbico.

Komic Librería: La carga

Cunha trama sinxela (ao fin e ao cabo trátase nin máis nin menos que dunha fuxida), que engancha dende a primeira páxina, un ritmo constante salpicado de diálogos enxeñosos e un desenlace redondo e cargado de simbolismo, o gañador da cuarta edición do premio Castelao por Mensaxes xustifica a súa hiperactividade e fai medrar a súa enigmática figura non só pola enorme cantidade de obra que atesoura, senón máis ben porque sempre ten moi claro o que nos quere contar e como facelo.


Komic Librería: La carga

La carga
Mariano Casas

Autoeditado
Tomos: 1