«Scalped» e «Paletos cabrones», de Jason Aaron: as migallas podres do soño americano

Komic Librería: Scalped integral + Paletos cabrones


Coincide no tempo a saída do número un de Paletos cabrones (Planeta) e do primeiro dos tres integrais que van recoller Scalped (ECC), dúas maxistrais series dun atípico xénero negro que exploran as sombras máis escuras dos Estados Unidos e que teñen en común a man do seu creador, un narrador con maiúsculas: o guionista estadounidense Jason Aaron.


Scalped integral #1 (de 3),
de Jason Aaron e R.M. Guéra (ECC)

Komic Librería: Scalped integral

Coñecimos a Jason hai sete anos e medio, coa publicación de Scalped, unha serie que chegou á libraría sen facer moito ruído e que nos conquistou dun xeito inevitable. Un thriller escuro e existencialista ambientado nunha reserva india norteamericana dos nosos días, un relato emocionante que mestura o xénero negro co retrato antropolóxico da miserenta realidade que viven as poboacións de nativos estadounidenses, e que non tardou en se converter nun dos títulos máis prestixiosos do selo Vertigo nestes últimos anos.

Komic Librería: Scalped integral

Malia ser unha obra coral, habitada por unha chea de personaxes magnificamente ben construídos, está protagonizada por un indio lakota, Dashiell Bad Horse, que volta á reserva quince anos despois da súa marcha convertido nun axente federal de incógnito coa misión de se infiltrar na organización de Lincoln Red Crow, o xefe da tribo e líder criminal da zona.

Komic Librería: Scalped integral

Scalped está concebida como unha arañeira chea de intrigas e segredos onde se entrecruzan con mestría o pasado e o presente, a ficción e mais a realidade, dunha maneira precisa e descarnada. Sen caer en maniqueísmos Jason Aaron presenta, cunha notable documentación, a triste e desesperada situación social dun pobo outrora fachendoso, pero que a día de hoxe afoga entre índices altísimos de alcolismo, desemprego, pobreza e drogadicción. Tampouco anda na póla á hora de definir o elenco de personaxes torturados, cheos de dúbidas e obsesións, todos (ou practicamente todos) coa arela dun futuro distinto, mellor e, posiblemente, irrealizable. Entre eles (e isto descubrímolo grazas ao bo ollo do noso aprezado komiqueiro Sechu Sende) engade, entroutras pingas de realismo, a experiencia real de Leonard Peltier, un indio condenado sen probas polo homicidio de dous axentes do FBI e encarcerado dende hai case corenta anos. O asasinato real destes federais  terá grande importancia no desenvolvemento da trama desta serie.

Komic Librería: Scalped integral

Ademais do excelente traballo á hora de deseñar a sólida estrutura narrativa, chea de ritmo, xiros argumentais e sorpresas para os lectores, o guionista norteamericano acerta tamén na escolla do seu compañeiro de batalla, o serbio Rajko Milosevic, Guéra, un debuxante de trazo vivo, sucio e cru que encaixa á perfección co que nos conta Scalped. Rajko, que leva a vivir en Barcelona máis de vinte anos e posúe a nacionalidade española, é, ademais dun grande artista, un tipo moi amable e interesante a quen tivemos a sorte de coñecer hai uns anos na Coruña. Por mor da extensión da serie, 60 números mensuais, nalgunha das entregas a ilustración quedou a cargo doutros artistas (como Davide Furnò, Danijel Zezelj, John Paul Leon ou Francesco Francavilla), sen que isto alterase o seu nivel de calidade.

Komic Librería: Scalped integral

En definitva, unha obra mestra que non cansaremos de vos recomendar e que volve estar dispoñible nunha edición que constará de tres integrais dos cales vén de saír o primeiro.


Paletos cabrones #1: Aquí yace un hombre,
de Jason Aaron e Jason Latour (Planeta):

Komic Librería: Paletos cabrones

E da reserva de Prairie Rose viaxamos ata o condado de Craw, Alabama, un escenario tipicamente sureño que posiblemente non sexa moi distinto do ambiente onde naceu e medrou o propio Jason Aaron. Unha terra supersticiosa e primaria, onde as costelas á grella e o equipo local de fútbol americano semellan ser os únicos eixos do microcosmos ao cal regresa Earl Tubb.

Ao igual que Dash en Scalped Earl volta á súa vila natal, un lugar que non pisa dende hai moito, coa idea inicial de baleirar a casa familiar, agora deshabitada, e non botar en Craw nin un segundo máis do preciso.

Komic Librería: Paletos cabrones

Cada intre que pasa por aquelas terras aumenta a presión do pasado sobre el, especialmente no que se refire á súa relación co seu pai, falecido hai tempo. Mergullado nas súas lembranzas non pode evitar involucrarse nos conflitos locais, o que desencadeará toda unha espiral de violencia na que Earl terá que deixar a unha beira ás súas pantasmas interiores para defender a xustiza.

E, outra vez máis, Jason Aaron atopa un compañeiro perfecto en Jason Latour, un debuxante visceral que aporta unha grande expresividade a esta historia que, sen ter a complexidade de Scalped, é igualmente apaixonante.

Komic Librería: Paletos cabrones

Un comezo abraiante para unha serie que, xa vos avisamos, é altamente adictiva.

Komic Librería: Paletos cabrones

Xa que logo estamos perante dúas obras enfeitizadoras que de seguro vos cativarán, dous exemplos maxistrais do xénero negro americano actual, ao nivel de títulos como 100 Balas ou Criminal.


Komic Librería: Scalped integral

Scalped integral #1 (de 3)
Jason Aaron / R.M. Guéra

ECC
Tomos: 1





Komic Librería: Paletos cabrones

Paletos cabrones #1: Aquí yace un hombre
Jason Aaron / Jason Latour

Planeta
Tomos: 1