Permanezcan en sus asientos, de Jano: unha fantástica xenialidade

Komic Librería: Permanezcan en sus asientos


Este vindeiro xoves 26 de maio teremos entre nós a un vello coñecido, Jano, que se achegará ata Komic Librería para presentar a súa última e fascinante obra, Permanezcan en sus asientos, editada por Fosfatina. Tres historias fantásticas e abraiantes cun nexo común contadas co particular estilo deste inquedo historietista.

Komic Librería: Permanezcan en sus asientos

Non somos dos que xulgamos un libro pola súa capa, pero no caso de Permanezcan en sus asientos a marabillosa portada, elegante, misteriosa, provoca unhas ganas enormes de mergullarse nas súas páxinas. E con razón. A sobriedade da tinta metálica e do fondo marrón, sobre o que liñas negras debuxan con precisión xeométrica a casa na que se desenvolve a acción, xa nos indica que estamos ante un paso máis na traxectoria de Alejandro Viñuela, Jano, un auténtico corredor de fondo e figura imprescindible (e imperdible) na bd galega dos últimos vinte anos.

Komic Librería: Permanezcan en sus asientos

Fanzineiro histórico, actualmente é un dos tiraboleiros maiores da publicación humorística dixital O Botafumeiro e na súa carreira sobresaen pequenas xoias como Patricia, Ratoon ou Operario (todas elas en solitario) e outras como Centoloman, 3x1 ou Nacho Camacho asociado a mentes tan preclaras como as de Ricardo Mena ou Rodrigo Cota.

No caso desta a súa última obra, a lectura de Permanezcan en sus asientos deixa un pouso de serie B ben entendida, xa dende o comezo, onde atopamos unha serie de anuncios, deses que proliferaban nas publicacións dos setenta ou dos oitenta presentando produtos que prometían cousas incribles como lentes de raios-x ou beberaxes que mudan ao home máis coitadiño nun varudo mangallón. Entre estes reclamos, a publicidade dun grupo de terapia. E aquí comeza o relato, pois o que nos mostra este libro é unha das súas reunións.

Komic Librería: Permanezcan en sus asientos

A esta xuntanza, amais do terapeuta, asisten tres extravagantes personaxes que relatan en primeira persoa as súas inquedanzas: un operario que limpa os restos dunha apocalipse nuclear, un científico tolo e amoral e un profanador de tumbas. A través das súas experiencias Jano presenta as ruínas dunha sociedade atormentada, coa aparición estelar de seres mutantes, vampiros e froitos de experimentos sobrenaturais antes do sorprendente final metacomiqueiro. Unha xenialidade, vaia.

Co seu estilo gráfico característico e propio, herdeiro de grandes estetas da bd como Chris Ware ou Seth, pero tamén de clásicos como Frans Masereel, e cada vez máis afinado, Jano acada a que, para nós, é a súa obra máis redonda, que loce estupenda na coidada edición que, como adoita facer, presenta a editora Fosfatina.

Non vos perdades a presentación desta marabilla este vindeiro xoves 26 de maio, a partires das 18:00 horas, en Komic Librería: agardámosvos!


Komic Librería: Permanezcan en sus asientos

Permanezcan en sus asientos
Jano

Fosfatina
Tomos: 1