Presas fáciles, de Miguelanxo Prado: o regreso dun autor fundamental

Komic Librería: Presas fáciles


Unha parella de anciáns suicídase ao recibir unha orde de desafiuzamento que non pode evitar tras perder os aforros de toda a súa vida nunhas accións preferentes adquiridas por consello do seu banco. Unha imaxe durísima, triste, incómoda e… real. Como a vida mesma. Así comeza, dun xeito tan tráxico, o agardado novo álbum do prestixioso artista coruñés, Presas fáciles (editado de xeito simultáneo en galego -por El Patito Editorial- e castelán -por Norma-), que muda o realismo máxico e oceánico dos seus últimos traballos (a novela gráfica Ardalén e o filme de animación De Profundis) por un thriller cunha importante carga social.

Komic Librería: Presas fáciles

A indignación que Prado sentiu ao enteirarse da nova da que falabamos antes foi o xermolo desta historia. O escándalo sen precedentes que supuxo a inmoral actuación de numerosas entidades bancarias ao estafar a unha chea de persoas, a meirande parte delas pensionistas, traballadores e traballadoras xubiladas que perderon boa parte dos seus cartos, espertou a necesidade de Miguelanxo de denunciar estes feitos. E decidiu que o xénero policial ofrecía unhas interesantes posibilidades para enfocar este tema, un eido que non lle é alleo (Manuel Montano) pero que non é habitual na súa obra nin tratara nunca de xeito tan realista.

Komic Librería: Presas fáciles

A través das súas páxinas imos acompañar á inspectora Tabares e ao seu compañeiro, o inspector Sotillos, na investigación dunha serie de asasinatos acontecidos na Coruña (aínda que non se chega a dicir a localización aparecen numerosos escenarios máis que recoñecibles) que comparten o denominador común de estar relacionados coa banca.

Komic Librería: Presas fáciles

O desenvolvemento do caso plantéxalle aos protagonistas, e tamén aos lectores, certos dilemas morais máis que interesantes que se evidencian claramente na súa xenial derradeira páxina. E é que ao malestar pola actuación fraudulenta de moitas destas empresas uniuse a incredulidade social ante os desorbitados dividendos e finiquitos que recibiron moitos dos seus altos cargos directivos, mesmo aqueles aos que o escándalo obrigou a demitir ou retirarse.

Komic Librería: Presas fáciles

Cun branco e negro matizado sabiamente polos grises que aportan profundidade ás ilustracións Miguelanxo, afastándose un chisco do colorido preciosismo de Ardalén, segue a demostrar que é un debuxante excepcional. Mais tamén un narrador versátil e correcto, preocupado por manter o ritmo narrativo e polos pequenos detalles que aportan verosemellanza a historia e, disto non hai dúbida tras ler Presas fáciles, comprometido co mundo no que vive.

Aproveitamos a ocasión para lembraros que contaremos coa súa presenza en Komic Librería, o vindeiro mércores 15 de xuño, a partires das 18:00 horas, para nos presentar este estupendo libro: agardámosvos!


Komic Librería: Presas fáciles

Presas fáciles
Miguelanxo Prado

Norma Editorial (Castelán)
El Patito Editorial (Galego)
Tomos: 1