Cuadernos japoneses, de Igort: unha fermosa viaxe ao país do Sol Nacente
Cuadernos japoneses é un libro inclasificable e fermosísimo no que ten cabida o caderno de viaxe, o relato autobiógrafico, a reflexión artística ou o retrato antropolóxico. Un monumental e poético paseo por distintos aspectos da cultura xaponesa e por diversos intres na vida do seu autor, o italiano Igort.
O historietista italiano Igor Tuveri, máis coñecido por Igort, foi un dos primeiros autores estranxeiros en traballar para unha editora xaponesa, aló polos primeiros anos noventa. Para el foi unha oportunidade excelente de coñecer de preto un país e unha cultura polos que sentía fascinación dende había tempo e cos que, dende a súa primeira estadía no ano 1991, trabou unha fonda relación.
Dun xeito xeneroso convídanos a acompañalo polo íntimo percorrido que fai entre as súas lembranzas, as súas impresións e os personaxes que máis o cautivaron, nun libro construído cunha certa anarquía narrativa, xa que Igort pasa dun tema a outro continuamente, pero que remata por ser unha lectura comprensible, evocadora e interesantísima.
Asistimos ás súas vivencias como habitante do Xapón, entramos na súa casa, camiñamos ao seu carón polos barrios de Tokyo, con el degustamos tofu fresco e vivimos as dúbidas que unha sociedade con algúns costumes tan distintos pode espertar nun occidental.
Cunha tranquilidade e unha fluidez notables Igort expresa tamén o seu enorme interese pola literatura, a pintura, o cinema e o manga xaponés. Polas páxinas destes Cuadernos japoneses desfilan nomes coma o dos escritores Mishima e Tanizaki, pintores como Hokusai, cineastas da relevancia de Kurosawa, Suzuki e Miyazaki ou mangakas como Taniguchi, Mizuki, Tezuka ou Tsuge. A algúns deles coñeceunos en persoa, de todos eles admira con respecto a súa obra.
Resultan especialmente curiosos os capítulos nos que fala do modus operandi das editoras xaponesas. Un proceso de traballo que ás veces é moi distinto do levado a cabo, por exemplo, en Europa. Os prazos de entrega, moito máis esixentes de aos que estaba afeito o propio Igort, a relevancia da opinión do público para a continuidade, ou non, dunha serie, a relación cos editores… unha chea de diferenzas que ás veces chocaban coa mentalidade e os estereotipos do noso narrador, pero que non impediron o grande éxito dunha das súas series, as aventuras de Yuri.
De cando en vez Igort non pode evitar crear máxicas parénteses para desviarse e agasallarnos cunha lenda, un episodio histórico, unha tradición ou a historia dun personaxe. E para contarnos toda esta recua de cousas emprega unha ilustración fermosísima, limpa, minuciosa, con múltiples homenaxes aos seus admirados pintores de ukiyo-e, as famosas estampas xaponesas, pero tamén bota man doutros elementos (fotografías, fotogramas, cartas dos lectores das súas obras e mesmo páxinas das súas primeiras bandas deseñadas).
Unha auténtica marabilla, xa que logo, este pequeno mais case enciclopédico achegamento a unha cultura enfeitizante e á relación que con ela ten o autor, un elegante e fermoso paseo que non podemos deixar de vos recomendar.
Cuadernos japoneses
Igort
Salamandra Graphic
Tomos: 1