Aram o armenio, de Abel Alves, Majox e Lara Lee: aventuras para denunciar a infamia

Komic Librería: Aram o armenio


Chega aos nosos andeis un novo título editado por Demo Editorial, Aram o armenio, un relato de aventuras ambientado nun momento histórico pero pouco coñecido, como é o xenocidio ao que foi sometido o pobo armenio por parte dos turcos no ano 1915. Este volume permítenos ademais coñecer o traballo de Abel Alves, un guionista galego que tras varios anos residindo no Uruguai vén de retornar á terriña, e da debuxante arxentina Majox (María José González).

Disque a historia está escrita polos vencedores, o que plantexa unha dúbida razoable acerca de como aconteceron numerosos episodios históricos. Un exemplo, terrible e indignante, disto é o xenocidio sufrido polo pobo armenio no ano 1915 a mans do daquela chamado Imperio Otomán. A día de hoxe o goberno de Ankara aínda non recoñece este triste e cruel suceso, ao igual que moitos outros países entre os que tristemente se atopa España. A persecución á que foron sometidos obrigou a moitos armenios a fuxir do seu país e emigrar cara outros lugares como Francia, Estados Unidos, Arxentina ou Uruguai.

Komic Librería: Aram o armenio

Precisamente vivindo neste pequeno país sudamericano, e a través da súa parella (de procedencia armenia), descubriu Abel Alves este lamentable capítulo do pasado. Co obxectivo de denunciar este acontecemento histórico escribiu o guión de Aram o armenio, unha obra que narra a odisea dunha nena armenia, Tamar, que vive en primeira persoa a traxedia do seu pobo, e que para sobrevivir tras perder aos seus pais parte na procura do seu tío Aram.

Dá comezo deste xeito un emocionante relato, moi ben narrado e ilustrado polo dinámico debuxo de Majox, unha autora que co seu trazo amable suaviza as duras escenas que presenzamos na loita pola supervivencia de Tamar e o seu tío Aram, e coloreado por Lara Lee.

Komic Librería: Aram o armenio

Resulta rechamante que co gran número de obras de todo tipo que tratan o Holocausto non haxa máis testemuños deste inferno no que foron asasinados máis dun millón e medio de armenios, aínda que esta matanza non é un tema alleo á bd, lembramos, como exemplos de bandas deseñadas que o abordan, un capítulo de El decálogo (VV.AA., Planeta), La gran catástrofe (Paolo Cossi, Ponent Mon) ou o actualmente descatalogado Sangre armenia (Vidal e Clavé, Glénat).

Chama tamén a atención a existencia de certos paralelismos e coincidencias entre o pobo galego e o armenio, como ben lembra o propio guionista no interesante epílogo desta historia que ademais conta co prólogo do xornalista e escritor José Antonio Gurriarán.

Komic Librería: Aram o armenio

Comezabamos esta recensión empregando unha sentencia e queremos rematala con outra: «un pobo que non coñece a súa historia está condenado a repetila».

Aproveitamos para informarvos de que o vindeiro venres 7 de outubro, a partir das 18:00 horas, contaremos en Komic Librería coa presenza do guionista Abel Alves, que presentará e adicará exemplares de Aram o armenio: esperámosvos!


Komic Librería: Aram o armenio

Aram o armenio
Abel Alves / Majox / Lara Lee

Demo Editorial
Tomos: 1