A Tumba do Terror, de Juan Carlos Abraldes e Jason Crowley: relatos arrepiantes na nosa lingua
Foi no ano 2011 que Mike Hoffman e Jason Crowley decidiron unir as súas forzas para comezar a andaina de Bloke's Terrible Tomb of Terror, unha publicación que homenaxeaba e seguía o ronsel de títulos míticos dentro do xénero de terror como Creepy ou Eerie e na que un estraño personaxe chamado Bloke (o Ghicho) servía de anfitrión aos lectores a través dos pequenos e aterradores relatos que conformaban cada entrega.
O ilustrador galego Juan Carlos Abraldes, que tamén é un grande afeccionado ao xénero, estaba convencido de que o seu estilo artístico encaixaría perfectamente nas historias da revista, asi que contactou con eles e abofé que tiña razón. Dende entón colabora habitualmente debuxando as historias escritas por Jason Crawley. E hai pouco decidiu lanzarse á aventura e autoeditar cinco destes relatos na nosa lingua no volume que hoxe vos presentamos.
Polas súas páxinas desfilan mortos viventes, ratos asasinos, bruxos malvados, lobishomes, vampiras ou estrambóticos mutantes, seres espantosos e arrepiantes que de seguro provocarán calafríos nos lectores máis afoutos. Historias moi variadas e sorprendentes nas que podemos aprezar a gran versatilidade que posúe Abraldes á hora de ilustrar co seu estilo marcademente pictórico os pesadelos escritos por Jason Crawley.
A Tumba do Terror únese deste xeito á recuperación do xénero terrorífico, que nos últimos anos semella volver a gozar de boa saúde, como demostran exemplos tales como o do excelente fanzine Altar Mutante, capitaneado dende A Coruña por Álvaro López e Luís Sendón.
Por outra banda cómpre suliñar a valente decisión de Abraldes de publicar esta desacougante escolma en galego, cubrindo así un espazo pouco explorado na banda deseñada galega.
E, de paso, aproveitamos para vos anunciar que este vindeiro venres 28 de outubro, de 12:00 a 14:00 horas y de 17:00 a 20:00 horas, terá lugar en Komic Librería a presentación de A Tumba do Terror, un evento aterrador e cheo de sorpresas (caricaturas realizadas polo propio autor, venda e sorteo de orixinais, un photocall...), que trazará unha ponte entre a nosa librería e o mundo do alén, e que se converte nunha cita ineludible en vésperas do Samaín.
A Tumba do Terror
Juan Carlos Abraldes / Jason Crowley
Autoeditado
Tomos: 1