Desconhecido, de Berlai: o amor incondicional feito poesía, música e debuxo

Komic Librería: Desconhecido


Presentámosvos hoxe unha proposta moi interesante afastada da banda deseñada convencional, un libro-disco titulado Desconhecido que resulta ser o corolario do proxecto impulsado polo inquedo e polifacético Xiao Berlai, músico e mestre que une as súas forzas ás do ilustrador Ernesto G. Torterolo e ás do teclista Iago Mourinho, o baixista Pablo Pérez e o batería Bruno Couceiro para achegarnos esta obra multidisciplinar.

Desconhecido conta, a través de trece cancións e case noventa páxinas, a historia dun home que procura refuxio no mundo rural ante a imposibilidade de acadar o amor desexado, un amor ao que se nega o seu entorno familiar.

Komic Librería: Desconhecido

Nos magníficos e realistas debuxos a lapis de Ernesto G. Torterolo atopamos a plasmación dos poemas cantados que podemos escoitar ao tempo que lemos o libro. Como ben se suxire na introdución da obra estamos ante un artefacto que podemos «lerouvir», editado de xeito primoroso por Axóuxere tras un exitoso proceso de micromecenazgo no que Komic Librería aportou o seu gran de area.

Komic Librería: Desconhecido

Un título, pois, moi evocador que fai reflexionar e pensar aos seus lectores-ouvintes e que, dun xeito poético, por intres case etéreo, fala do inconformismo ante os preceptos socialmente aceptados, de rachar co estabelecido. E nisto ten moito que ver a metafórica presenza da paisaxe e da fauna rural, a idea de liberdade que pode chegar a transmitir.

Komic Librería: Desconhecido

Esta rara avis mestura con precisión a bd e a ilustración coa poesía, a narrativa e a música, constituíndose por ela mesma como outra representación desa mesma liberdade.

Desconhecido é unha obra ben fermosa que temos o pracer de anunciar que será presentada este vindeiro venres 18 de novembro, a partires das 18:00 horas, en Komic Librería: agardamos contar coa vosa presenza!


Komic Librería: Desconhecido

Desconhecido
Berlai

Axoúxere
Tomos: 1