Grandes soldados, de Rivelaygue e Tallec: unha das grandes sorpresas do 2012

Grandes soldados


Encántame cando un libro chega á librería con humildade, sen facer moito ruído, e resulta ser unha pequena marabilla. Poderiamos dicir que este é un deses casos, unha das grandes sorpresas que de momento nos deparou este ano 2012. Baseada nun curioso feito histórico e obra de dous autores case descoñecidos por estes lares, Grandes soldados convértese, sen pretensións pero con firmeza, nunha agradable e recomendadísima lectura de aventuras.

Cóntanos a historia de Cathal Crann, un enorme e tranquilo pastor irlandés que é reclutado pola forza para formar parte dos Lange Kerls, o corpo de elite do exército prusiano, composto exclusivamente polos homes máis altos e fortes que os emisarios do rei Federico I atopaban por Europa adiante.

Crann, un home sinxelo e corrente, pero que agocha un terrible e metafórico segredo, terá problemas para adaptarse á súa nova vida, na que será branco de envexas e intrigas por mor das súas portentosas dimensións.


Grandes soldadosEscrita por Laurent Rivelaygue cun estilo desenfadado, fluído e divertido, a obra sorprende ademais polo seu coidado debuxo, no que Olivier Tallec (de quen xa coñeciamos Negrinha, publicada, ao igual que Grandes soldados, na colección Nómadas de Norma Editorial) realiza un traballo excelente non que destaca a expresividade dos personaxes e o mimo co que trata a cor, facendo da súa lectura unha gozada visual.

Iso si, como case todo o bo, déixanos con ganas (moitas) de máis, polo que agardamos ter a oportunidade de ler futuras novas aventuras deste mozote irlandés.


Grandes soldadosGrandes soldados
Laurent Rivelaygue / Olivier Tallec

Norma
Tomos: 1