Futbolín, de Alessio Spataro: a sorprendente vida de Alexandre de Fisterra...

Komic Librería: Futbolín


...ou como revisitar o século XX mentras xogamos ao futbolín. A chegada, hai uns meses, de Futbolín a Komic Librería foi toda unha sorpesa para nós. En primeiro lugar por ser a biografía gráfica dun galego ilustre: nin máis nin menos que Alexandre de Fisterra, o inventor do futbolín moderno! Tamén por descubrir a súa abraiante vida, chea de anécdotas fascinantes das que só coñeciamos unha pequena parte. E, por último, polo feito de que esta obra chegara dende Italia da man dun autor descoñecido para nós. Isto fixo que abordaramos a súa lectura cun aquel de escepticismo que se foi tornando en admiración a medida que avanzabamos polas súas páxinas.

Alessio Spataro achéganos un álbum excelente, interesantísimo no que conta e no xeito que ten de facelo, un relato que ten o seu xermolo na fascinación que Alessio sente polo popular xogo, a través da cal foise mergullando máis e máis na historia do seu inventor ata implicarse dunha maneira que poucas veces aprezamos no xénero biógrafico.

Komic Librería: Futbolín

Alexandre Campos Ramírez, máis coñecido como Alexandre de Fisterra, naceu preto da fin do mundo no ano 1919 e faleceu en Zamora no 2007. Durante a Guerra Civil, e convalecente das feridas recibidas nun bombardeo en Madrid, inventou un xogo de mesa que permitiría aos mutilados seguir a practicar o seu deporte preferido: o fútbol. «Se existe o tenis de mesa, por que non o fútbol de mesa?», pensou o noso protagonista. Da súa imaxinación xurdiu o futbolín, un entretemento ao que moit@s debemos innumerables horas de diversión.

Pero este personaxe non é relevante tan só por esta invención, senón que nos seus case noventa anos de vida relacionouse cun gran número de persoeiros e persoeiras da política e da cultura e viviu de primeira man algúns dos acontecementos históricos máis salientables do convulso século XX.

Komic Librería: Futbolín

Todo isto é aproveitado por Spataro como motor narrativo, en certa maneira, deste título. A través das vivencias de Alexandre de Fisterra e dos seus coñecidos atravesamos, dun xeito ou outro, a Guerra Civil española, o exilio en Francia, a Segunda Guerra Mundial, un novo exilio (desta volta en Guatemala), a Revolución Cubana, a fin do franquismo ata chegar a episodios máis cercanos e menos relevantes como a Feira das Mentiras que Manu Chao organizou en Compostela no ano 1998.

Komic Librería: Futbolín

Malia seren moi numerosos os saltos de escenario e os «cameos» de distintas figuras, tiveran relación con Alexandre ou non, pensamos que isto non chega a abrumar ao lector nin solapar a historia que nos conta, senón que aporta unha vitalidade e un ritmo tremendos á narración. Iso si, non deixa de sorprender a aparición, gratuíta pero rechamante, de xente como Zapatero, Aznar ou Miguel Ángel Martín, ou que algunhas das mellores páxinas, ao noso ver, non teñan relación directa co inventor do futbolín, como unha escena entre Simone de Beauvoir e Jean-Paul Sartre que é realmente xenial, ou outra secuencia na que compara as mortes de Neruda e de Carrero Blanco. Páxinas nas que demostra que, sen ser un debuxante excepcional, é un artista inquedo e imaxinativo que sabe moi ben como contar unha historia.

Komic Librería: Futbolín

En definitiva, unha interesante e comprometida homenaxe a un galego que podemos definir como universal, ademais dun completo paseo por algúns dos episodios históricos máis relevantes do século XX. Unha obra, pois, de recomendada lectura para todo tipo de lectores.


Komic Librería: Futbolín

Futbolín
Alessio Spataro

DeBolsillo
Tomos: 1