Gran Hotel Abismo, de Marcos Prior e David Rubín: unha espectacular bomba de reloxería

Komic Librería: Gran Hotel Abismo


Son moitos os motivos que poden facer prender a mecha. O sistema no que vivimos, artellado coa precisión milimétrica dun reloxio, está a construír un mundo cada vez máis inxusto e falto de liberdade. Unha presión que cada vez máis afoga a boa parte da poboación mundial, dun xeito que semella inevitable e ante a incomprensible inactividade dunha sociedade anestesiada e soterrada baixo redes sociais e un consumismo totalmente abrumador. Contra isto rebélanse dous talentosos historietistas, o catalán Marcos Prior e o galego David Rubín, que unen as súas forzas e lanzan un torpedo gráfico na mesma liña de flotación do sistema con Gran Hotel Abismo. A través das súas 120 páxinas incitan á rebelión e á reflexión cunha obra das que se adoita dicir «que non deixará a ninguén indiferente».

Komic Librería: Gran Hotel Abismo

Este tándem creativo sitúa a acción nun futuro pròximo, non moi afastado do noso presente, onde o neoliberalismo e o poder das grandes empresas acadan cotas desorbitadas. Unha sociedade distópica á que nos dá a benvida unha cita dun dos principais filósofos marxistas españois, Manuel Sacristán, que parafrasea a outro gran pensador desta corrente, Gyorgy Lukács, para aportar o título e o escenario sobre o que xira esta novela gráfica: un abismo que resulta ser un grande hotel no que a un lle dan todo servido e con luxo. O aterrador abismo no que comodamente está instalada a nosa sociedade, non só a galega, non só a española, senón esa macrosociedade creada pola globalización e a mansedume masiva..

Komic Librería: Gran Hotel Abismo

Deste Hotel sairá o individuo, un exército dun só home herdeiro de Guy Fawkes –o personaxe histórico que serviu de inspiración para V de Vendetta–, que no medio dunha manifestación multitudinaria contra a política institucional ataca cunha bomba o mesmo Parlamento. Esta acción provoca unha chea de reaccións dende os medios de comunicación, respostas que irán callando nunha sociedade que semella espertar e reaccionar ante a violencia institucional, provocando un metafórico incendio social.

Komic Librería: Gran Hotel Abismo

Prior e Rubín non fan aquí unha alegoría do terrorismo nin da violencia, senón que constrúen un (segundo as súas propias palabras) artefacto gráfico que quere funcionar como arma de destrucción contra a estupidez e a mediocridade. Unha alternativa ao discurso neoliberal que nos bombardea dende todo tipo de canles, un chamamento ao espírito crítico e á nosa responsabilidade como individuos e individuas dentro do funcionamento da(s) comunidade(s) onde vivimos. Unha labazada na consciencia de cada persoa que se achegue a ler as súas viñetas. Tanto Marcos, autor dunha coherente obra onde a crítica social e a ironía sutil do observador atento sempre están presentes (Fagocitosis ou Necrópolis son boa mostra disto), como David, posiblemente un autor máis coñecido por tod@s vós e que tamén posúe unha marcada e visceral vea contestataria procuran afoutar aos seus lectores e obrigalos a cuestionarse a realidade na que viven/vivimos.

Komic Librería: Gran Hotel Abismo

Gran Hotel Abismo non é un panfleto, senón unha chamada á rebeldía (aquela que está pensada e interiorizada, non á gratuíta). A busca dun mundo máis libre, máis verdadeiro e máis equilibrado. E para isto, ademais das súas poderosas mensaxes directas, os autores enchen o libro de citas, referencias (moitas moi sutiles, outras non tanto) e pequenos detalles que fan case obrigatoria a súa relectura.

Komic Librería: Gran Hotel Abismo

Son xa varias as ocasións nas que, ao falar do traballo de David Rubín, empregamos a metáfora de desangrarse diante da páxina. O ourensán semella a cotío empregar os seus propios ósos no canto do lapis e entintar os seus debuxos con sangue en vez de tinta. Pois ben, nesta ocasión máis ca nunca. Aproveitando ao máximo as capacidades e recursos expresivos que lle outorga o formato apaisado de Gran Hotel Abismo, apoiado pola complicidade de Marcos Prior tamén no aspecto gráfico e pola colaboración do noso aprezado Kike J. Díaz na separación de cores, David realiza para nós o seu mellor traballo como debuxante, unha consecuencia da súa implicación con esta obra e da súa perseverancia como artista.

Komic Librería: Gran Hotel Abismo

A espectacular edición de Astiberri, en cartoné e cuns extras interesantísimos onde os responsables deste axitadora obra desvelan os segredos da súa creación, non fai máis que estar á altura do seu contido.

Komic Librería: Gran Hotel Abismo

Para rematar comentaros que este vindeiro venres 16 de decembro, a partires das 18:00 horas, estará connosco en Komic Librería o propio David Rubín presentando e asinando exemplares deste título que, por descontado, vos recomendamos enormemente.


Komic Librería: Gran Hotel Abismo

Gran Hotel Abismo
Marcos Prior / David Rubín

Astiberri
Tomos: 1