Leñadoras, de Stevenson, Ellis, Watters, Allen e Laiho: un excelente título xuvenil de aventuras

Komic Librería: Leñadoras


Falámosvos hoxe de Leñadoras: cuidado con el gatete sagrado, un excelente título xuvenil de aventuras onde acompañamos a cinco valentes exploradoras na procura da solución aos misterios e intrigas que envolven o seu campamento. Un relato fresco, divertido e imaxinativo que é xa un dos preferidos pol@s komiqueir@s a partires de 12 anos.

Komic Librería: Leñadoras

Moito nos gusta cando aparece unha historieta destinada aparentemente cara o público xuvenil pero coa cal tamén os lectores adultos podemos pasar un rato estupendo. E a obra que tratamos hoxe forma parte, sen dúbida, deste selecto grupo.

Komic Librería: Leñadoras

Leñadoras: cuidado con el gatete sagrado é o primeiro arco argumental dunha das series máis rechamantes do mercado norteamericano nestes últimos meses, Lumberjanes (aquí traducido como Leñadoras), unha historia chea de aventura, emoción e humor protagonizada por cinco intrépidas rapazas.

Komic Librería: Leñadoras

Ripley, Jo, April, Mall e Molly son cinco amigas que están nun campamento de exploradoras no que comezan a acontecer fenómenos estraños como a aparición de animais fantásticos, pasadizos segredos e preguntas sen resposta. Unha chea de misterios intrigantes que teñen relación coa mitoloxía grega e cunha fonte de poder ilimitado e que as nosas protagonistas terán que resolver para rematar ben o campamento. Enigmas e perigos son sorteados un tras outro por estas espilidas leñadoras, apoiadas na axuda da súa monitora Jen e do mapache Pompitas e, sobre todo, no seu lema: amizade a tope!

Komic Librería: Leñadoras

Cun estilo narrativo e gráfico desenfadado e moi dinámico o libro engancha dende a primeira páxina, cun remuíño de aventuras cheas de acción e humor que nos fai lembrar películas míticas de protagonismo xuvenil como Os Goonies e ao mesmo tempo os relatos de Harry Potter, cunhas pingas do Manual de los Jóvenes Castores que popularizaron os sobriños do Pato Donald e das imaxinativas historias de Hora de Aventuras. Esta última referencia non é precisamente gratuíta, xa que unha das compoñentes do equipo creativo, Noelle Stevenson, é tamén responsable de varios guións da fantástica serie de animación. Acompáñalle na escrita Grace Ellis, e no debuxo e cor Brooke Allen e Maarta Laiho, polo que, ao igual que o quinteto protagonista de Leñadoras, as súas autoras son todas mulleres, demostrando unha vez máis que o papel feminino na banda deseñada é cada vez máis e máis relevante.

Komic Librería: Leñadoras

Así pois aquí vos deixamos a nosa primeira recomendación de 2017, un álbum xuvenil cheo de ritmo, humor, imaxinación e amizade que de seguro gustará aos que vos acheguedes ata as súas páxinas.


Komic Librería: Leñadoras

Leñadoras: cuidado con el gatete sagrado
Stevenson / Ellis / Watters / Allen / Laiho

Sapristi
Tomos: 1