Jamás tendré 20 años, de Jaime Martín: a dureza de sobrevivir cando eres derrotado

Komic Librería: Jamás tendré 20 años


Isabel naceu o 18 de xullo de 1916 en Almería e once anos despois a súa familia decidiu mudarse a Melilla. Alí, un día antes do seu vixésimo aniversario, un día antes da data prevista polos militares golpistas, iniciouse a sublevación fascista. E ela, simpatizante dos movementos anarquistas e sindicalistas, tivo que fuxir para evitar a represión. En certa maneira, Isabel nunca chegou a ter vinte anos. No seu exilio obrigado chegou ata Cataluña, e alí coñeceu a Jaime, soldado republicano de permiso.

Komic Librería: Jamás tendré 20 años

Así comeza este libro no cal Jaime Martín prosegue o camiño aberto en Las Guerras Silenciosas (2014, Norma), afondar no século vinte español a través da experiencia da súa propia familia, e se daquela o que nos contaba era o servizo militar do seu pai, en Marrocos nos primeiros anos sesenta, en Jamás tendré 20 años atrévese coa historia dos seus avós e como sobreviviron á Guerra Civil e á posguerra formando parte do bando perdedor.

Komic Librería: Jamás tendré 20 años

Martín, un auténtico corredor de fondo cunha carreira que, curiosamente, transcorre case paralela á historia da nosa librería, leva moitos anos a demostrar o seu talento, pero é con estes dous últimos álbumes onde, no noso parecer, realizou as obras máis redondas da súa bibliografía, conseguindo un equilibrio e unha mesura difíciles de atopar cando o narrado ten tanto peso emocional para o autor.

Komic Librería: Jamás tendré 20 años

Dende as catro primeiras estupendas páxinas que funcionan a xeito de prólogo introdutorio mérgullanos con intensidade nas vivencias dos seus avós, nun relato costumista e épico, con intres moi duros e outros máis agradables, que reproduce a crueldade, o medo, a miseria e a represión dos anos que seguiron á Guerra Civil.

Komic Librería: Jamás tendré 20 años

Ao igual que acontecía en El arte de volar atopámonos ante un tempo e un escenario vistos xa mil veces en libros, películas, series de T.V. e mesmo bandas deseñadas, pero nesta novela gráfica, da mesma maneira que ocorría na obra de Altarriba e Kim, o relato posúe unha forza tal que lle outorga unha entidade e uns valores propios. Con grande acerto Jaime Martín selecciona os momentos claves vividos pola súa familia e tamén con bo criterio vainos presentando sen caer no sentimentalismo, pero coa precisión necesaria para tocarnos por dentro.

Komic Librería: Jamás tendré 20 años

Un retrato conmovedor e interesantísimo dunha familia que ben podería ser calquera das nosas, porque nunha guerra entre irmáns e veciños ninguén fica indemne. Unha obra, pois, necesaria pola necesidade de coñecer o pasado e moi recomendable pola súa calidade narrativa e gráfica, ata tal punto que para nós foi un dos títulos máis salientables na excelente colleita da historieta española no 2016.


Komic Librería: Jamás tendré 20 años

Jamás tendré 20 años
Jaime Martín

Norma Editorial
Tomos: 1