El secreto del Salmo 46, de Brian Moriarty e Iván Sende: á procura do agochado

Komic Librería: El secreto del Salmo 46


Na historia da arte, especialmente na pintura e na literatura, existen moitísimos casos de artistas que, cun afán lúdico ou coa intención de transmitir coñecementos secretos, agocharon mensaxes nas súas obras. Números, palabras ou símbolos cun significado especial, enigmas que levan a pasaxes ocultas, mesmo misterios cifrados para os observadores máis atentos aparecen en cadros, partituras ou novelas, sen que moitas veces nos decatemos. E, nas últimas décadas, nunha forma de creación artística moitas veces minusvalorada e a día de hoxe convertida nun dos piares da cultura popular contemporánea: os videoxogos.

Komic Librería: El secreto del Salmo 46

Precisamente a este mundo pertence Brian Moriarty, creador e programador dende hai máis de trinta anos (responsable, por exemplo, do mítico Loom, un xogo que marcou un antes e un despois cando saíu ao mercado, aló por 1990) e actualmente profesor de deseño de videoxogos. Un home con formación literaria que sempre se sentiu engaiolado por estas mensaxes ocultas (popularmente coñecidas na cultura anglosaxona coma «ovos de Pascua») e que nos últimos tempos divulga este tema a través de diversas conferencias, como a que adapta a banda deseñada Iván Sende e que hoxe vos presentamos.

Komic Librería: El secreto del Salmo 46

Iván Sende, un ilustrador nado en Vedra que hai dous anos debutou como historietista co seu álbum Advaita (editado tamén por Diábolo), un relato autobiográfico sobre a súa propia procura espiritual que nos sorprendeu gratamente, volve demostrar que é un narrador atípico ao plasmar, con grande acerto, en viñetas as palabras de Brian. Consciente da relevancia do que se conta atopa nun debuxo sinxelo e claro unha vía perfecta para crear unha lectura moi fluída e interesante.

Komic Librería: El secreto del Salmo 46

O texto non busca facer un ensaio sobre o tema, senón aportar unha serie de nocións básicas e logo centrarse en varios casos rechamantes. Polas súas páxinas, mesturadas coas propias experiencias vitais de Brian Moriarty e coa explicación de conceptos necesarios para mergullarse no asunto (como a criptografía ou a xematría –parte da numeroloxía-), imos descubrir fascinantes segredos ocultos na obra do músico barroco Johann Sebastian Bach, nun famoso libro infantil inglés de finais dos anos setenta, Masquerade, ou as distintas pistas e dúbidas que existen sobre a identidade do literato inglés máis importante, William Shakespeare.

Komic Librería: El secreto del Salmo 46

Brian e Iván convídannos, pois, a unha abraiante e interesantísima viaxe que recomendamos para todo tipo de lectores, e que será presentada este vindeiro venres 10 de marzo en Komic Librería, a partires das 18:00 horas. Contaremos coa presenza do propio debuxante, que asinará exemplares desta a súa segunda obra en bd. Agardamos contar tamén con tod@s vós!


Komic Librería: El secreto del Salmo 46

El secreto del Salmo 46
Iván Sende / Brian Moriarty

Diábolo Ediciones
Tomos: 1