Los cuadernos de Esther, de Riad Sattouf: a vida a través dos ollos dunha nena de dez anos

Los cuadernos de Esther


Riad Sattouf é un autor peculiar, dotado dun sutil sentido do humor e dun grandísimo poder de observación que ten máis que gañado o seu lugar entre os nosos autores preferidos. Coñecímolo hai anos, cando La Cúpula editou La vida secreta de los jóvenes (2 volumes), un título enganoso que agochaba un interesante retrato social a través de pequenas situacións que Sattouf observaba na súa vida cotiá e logo reproducía nas viñetas.

Pouco despois volveunos sorprender con Pascal Brutal (Norma), unha parodia do «macho alfa» cunha fina crítica social á Francia contemporánea que resultou gañadora da Palma de Ouro no Festival de Angoulême, posiblemente o galardón máis prestixioso da bd europea que de novo acadou coa primeira entrega da súa triloxía autobiográfica El árabe del futuro (Salamandra), na que conta a súa nenez entre Francia, Siria e Libia.

Los cuadernos de Esther

Neste novo título mestura dous dos eidos onde se sinte máis cómodo: as pequenas anécdotas e a visión infantil. A protagonista, Esther, unha nena real de nove anos (que cumpre dez no medio do álbum), cóntalle historias do seu día a día e Riad adáptaas á banda deseñada. Deste xeito en Los cuadernos de Esther atopamos 52 fragmentos da vida da nena, cada páxina é un episodio distinto no que nos fala da súa familia e das súas amigas, do colexio e das vacacións, dos seus gustos, ídolos, soños e medos. Con inocencia e honestidade déixanos entrar no seu mundo, que o autor retrata con acerto, ironía e precisión.

Los cuadernos de Esther

O resultado final é unha interesantísima lectura que inevitablemente leva ao público adulto a rememorar a súa propia nenez e que marca, ben ás claras, as enormes diferenzas xeneracionais. De feito a idea de facer este álbum xurdiu da sensación que tivo o propio autor ao falar coa filla duns amigos aos que había tempo que non vía: a de estar a falar cunha extraterrestre doutro planeta.

Los cuadernos de Esther

Coa súa nenez ben fresca ao lembrala en El árabe del futuro Riad Sattouf atopa nos relatos de Esther un mundo totalmente distinto ao que el viviu con nove ou dez anos, polo que nestas historias subxace tamén un retrato da sociedade na que vivimos e da súa evolución nas últimas décadas, porque a día de hoxe a infancia dunha nena francesa non está moi afastada da dunha nena galega. Os cativos da actualidade naceron xa nun capitalismo esaxerado, coas novas tecnoloxías poñendo ao seu alcance contidos moitas veces non axeitados ou difíciles de entender, con expectativas ou modelos de conduta que difícilmente compartimos os adultos…Un espello traxicómico que reflicte o que como sociedades construímos. E dicimos o de traxicómico porque o humor que poden ter algúns dos capítulos, grazas á ollada inocente dunha nena, vai parello á mágoa que podemos sentir ao ver algunhas das cousas que vive e experimenta.

Los cuadernos de Esther

Un título, pois, moi interesante, non só para nais, pais e mestres, que vai máis aló do retrato da infancia e que nos leva a descubrir, divertirnos e tamén reflexionar sobre a nosa responsabilidade na educación das xeracións máis novas.


Los cuadernos de Esther

Los cuadernos de Esther
Riad Sattouf

Sapristi
Tomos: 1