Rosalie Blum, de Camille Jourdy: preciosismo gráfico para gozar e deixarse sorprender

Rosalie Blum


Rosalie Blum foi obra máis vendida na nosa librería no curso 2010/2011, en parte polo seu atractivo natural e tamén porque pode chegar a un público moi amplo. Reedítase agora nun só volume que mellora un chisco a calidade do papel pero no que perdemos as magníficas portadas despregables que estaban na versión original de tres tomos.

Entrando no miolo do asunto diremos que o título pode facer pensar nunha única protagonista, cando o surtido de variopintos personaxes e o seu protagonismo coral resultan ser algúns dos puntos fortes desta obra. Outra característica que fai desta triloxía unha lectura especial é a perfecta estrutura deseñada tanto para gozar como para sorprender. Isto, unido ao preciosismo gráfico dun estilo persoal, un deseño de páxina agradable e eficaz e unha paleta luminosa, fan que calquera lector fique enganchado dende as primeiras páxinas e case sinta mágoa cando se achega o final, porque desexaría máis.


Rosalie Blum

A acción sitúase no que semella ser unha pequena cidade francesa. O personaxe que nos introduce na historia é un trintañeiro, Vincent, que deixa pasar os seus días sen sobresaltos. E unha desas persoas que nunca toma decisións importantes, por iso herdou o negocio paterno, unha perruquería, e aínda vive coa súa nai, unha velliña un tanto desequilibrada que provoca os primeiros sorrisos no lector desprevido.

Estas primeiras páxinas teñen un aquel case costumista, vanse pasando sen ansiedade, gozando do debuxo e da cor que xa dende o comezo percibimos como moi persoais.

Rosalie Blum

Un bo día Vincent atópase de xeito casual con Rosalie Blum, e isto provoca nel a estraña sensación de non poder recoñecer a alguén que lle resulta moi familiar. Sen saber moi ben o porqué, comeza un xogo detectivesco, un seguimento a Rosalie Blue no seu tempo libre, mudando de roupa para pasar desapercibido e así descubrir cómo e cándo a coñeceu.

Rosalie Blum
Esta intriga non se vai resolver, nin para Vincent nin para o lector, ata o final da triloxía, pero iso, por todos os valores engadidos, vai perdendo importancia e xa non pensaremos na resolución como obxectivo da lectura, xa que nos manteremos concentrados e ocupados páxina a páxina coma consecuencia do ritmo relaxado pero constante.

Exemplar de Rosalie Blum asinado por Camille Jourdy


Rosalie Blum (Integral)Rosalie Blum
Camille Jourdy

La Cúpula
Tomos: 1 (Integral)