Croqueta y Empanadilla 3, de Ana Oncina: o regreso da parella máis riquiña

Komic Librería: Croqueta y Empanadilla 3


Hai pouco máis de tres anos aparecía o primeiro volume de Croqueta y Empanadilla, a obra coa que debutaba Ana Oncina, unha autora nova na que contaba, con moito humor, o día a día na convivencia dunha simpática parella representada por unha croqueta e unha empanadilla antropomórficas. Daquela ninguén podía sospeitar que estabamos ante un dos fenómenos editoriais máis relevantes da banda deseñada española dos últimos tempos, un título que acadou un éxito de vendas inmediato gañándose a un gran número de lectores e lectoras.

Komic Librería: Croqueta y Empanadilla 3

Os seus curiosos protagonistas, o cotián das situacións que viven e o seu humor apto para todo tipo de público foron os principais argumentos para que esta serie pasara a ser todo un boom (de feito aquel primeiro álbum editado en 2014 vai actualmente pola súa décimo terceira edición!). Tras Croqueta y Empanadilla #2 e un especial de nadal hai uns meses chegaba a súa terceira entrega, onde aprezamos unha constante evolución no debuxo e nas artes narrativas de Ana Oncina, como historietista que vai avanzando co paso firme.

Komic Librería: Croqueta y Empanadilla 3

O esquema do libro é o mesmo que nos anteriores, pequenas historias de unha, dúas ou tres páxinas nas que volvemos atopar a Croqueta e Empanadilla na súa casa, na rúa, de viaxe (mesmo facendo o Camiño de Santiago!!!), indo a concertos ou ao cine… é dicir, o normal nunha parella da súa idade. Aquí fica, ao noso ver, un dos grandes talentos da súa autora: converter o habitual en interesante e facer aparecer un sorriso cómplice nos rostros dos seus lectores. Siempre co apoio inestimable de Edicións La Cúpula, Ana demostra ademais outras inquedanzas, como o interesante proxecto que coordina xunto con Álex Giménez na revista Voltio, que vai xa polo seu segundo número ofrecendo unha boa e heteroxénea mostra da nova bd española.

Komic Librería: Croqueta y Empanadilla 3

Xa que logo só nos queda recomendaros, unha vez máis, a lectura de Croqueta y Empanadilla, e lembraros que hoxe xoves 4 de maio, xusto o día no que Komic Librería cumpre trinta anos, teremos unha vez máis a sorte de contar con Ana Oncina entre nós, presentando e adicando exemplares da súa obra a partir das 18:30 horas. Unha oportunidade perfecta para que faga único e personalizado o voso exemplar ou para que consigades un agasallo estupendo para alguén a quen apreciedes. Agardamos contar convosco e que este artigo fora do voso interese!


Komic Librería: Croqueta y Empanadilla 3

Croqueta y Empanadilla #3
Ana Oncina

Ediciones La Cúpula
Tomos: 1