Valerosas (1 e 2), de Pénélope Bagieu: a marabillosa descoberta dunha chea de mulleres extraordinarias

Komic Librería: Valerosas


Presentámosvos hoxe unha das obras que máis éxito acadou nos últimos tempos entre a nosa clientela, e que vén de ver publicado o seu segundo volume: Valerosas, pequenas biografías de mulleres que tiveron vidas fóra de común e que chegan ata nós fermosamente ilustradas.

Komic Librería: Valerosas

O certo é que tiñamos moitísimas ganas de vos falar de Valerosas dende que saíu o seu primeiro volume, aló polo mes de abril. Ademais de estar chea de numerosos atractivos para todo tipo de públicos encantounos a cantidade de figuras femininas que nos descubriu e o exemplo de loita e superación que representan todas elas.

Komic Librería: Valerosas

A súa autora, Pénélope Bagieu, non é moi coñecida nestas terras, malia ternos sorprendido hai anos co seu divertido álbum Cadáver exquisito (Norma), pero en Francia goza dun gran prestixio e popularidade, principalmente polos seus relatos autobiográficos. Posiblemente por mor disto recibiu a encarga do xornal Le Monde de levar a cabo este proxecto para a súa páxina web, onde se foron publicando as biografías dende xaneiro ata outubro de 2016.

Komic Librería: Valerosas

O tremendo éxito acadado desembocou na súa edición física en dous tomos, o segundo dos cales chegou recentemente a Komic Librería e repite o esquema sinxelo pero efectivo do primeiro: quince protagonistas por libro, coas súas extraordinarias vidas contadas de xeito non moi extenso –entre tres e oito páxinas cada unha– pero dabondo para facernos unha boa idea de quen foron e cunha fermosa ilustración dobre como colofón de cada capítulo.

Komic Librería: Valerosas

Trinta retratos de mulleres valerosas, que en moitos casos desafiaron as convencións sociais das súas respectivas épocas e que loitaron por acadar os seus soños, afastándose dos papeis secundarios e decorativos que a sociedade patriarcal gardaba para elas. A súa forza, a súa vontade e a súa afouteza mudaron mentalidades, racharon estereotipos e abriron portas e camiños para as xeracións vindeiras.

Komic Librería: Valerosas

Deste xeito atopamos (e descubrimos!) figuras tan abraiantes como Agnodice, xinecóloga da Grecia antiga que se travestiu de home para poder practicar a medicina –prohibida para as mulleres na Atenas do século IV a.C.–, Wu Zetian, ex-concubina que se converteu na única emperatriz da historia de China, Annete Kellerman, nadadora e inventora do traxe de baño moderno, Frances Glessner Lee, que revolucionou a medicina forense e estableceu o protocolo actual empregado pola policía nas escenas dos crimes ou Temple Grandin, que, diagnosticada de autismo, promoveu unha reforma total da gandería tradicional. Atopamos tamén outras figuras máis coñecidas, coma Joséphine Baker, Margaret Hamilton, Peggy Guggenheim, Hedy Lamarr ou unha das nosas cantantes e compositoras preferidas, Betty Davis.

Komic Librería: Valerosas

Un auténtico agasallo o que nos achega a ilustradora e historietista francesa, xa que, ademais de contarnos de maneira excelente e fluída as fascinantes historias que se agochan tras cada valerosa e da fermosura do seu debuxo (que nos lembra en certa maneira á ilustración dos anos 50 e 60) a escolla que realizou entre as figuras femininas a retratar permítenos descubrir personaxes e situacións descoñecidas. Mulleres impagables que, como di o subtítulo da obra, só fan o que elas queren.

Komic Librería: Valerosas

A coidada e asequible edición feita por Dibbuks non fai máis que ratificar a nosa recomendación: unha lectura interesantísima para todas e para todos. Agardamos que vos guste tanto como a nós.


Komic Librería: Valerosas 1

Valerosas 1
Pénélope Bagieu

Dibbuks
Tomos: 1





Komic Librería: Valerosas 2

Valerosas 2
Pénélope Bagieu

Dibbuks
Tomos: 1