La espada de San Eufrasio #1: la aldea maldita, de Pepe Rey, Miguel Fernández e Manolo López Poy
Poucos anos antes das Revoltas Irmandiñas (1467-69) os labregos galegos sobreviven como poden, asoballados polas epidemias, as malas colleitas e, sobre todo, a tiranía dos señores feudais coa connivencia da Igrexa. Mentras o pobo pasa fame e miseria a nobreza e o clero mergúllanse nunha interminable espiral de loitas internas, intrigas e conspiracións. Neste contexto, no ano 1464, unha humilde familia da Terra Cha vaise ver obrigada a defender a súa dignidade, a súa terra e as súas propias vidas ante os constantes abusos do poder establecido. Deste xeito dá comezo La aldea maldita, primeiro volume da prometedora serie de aventuras con trasfondo político e social titulada La espada de San Eufrasio, unha colección de carácter histórico pensada inicialmente para ter unha extensión de oito álbumes e que, ademais, marca o regreso dun tándem creativo ben aprezado por nós: Manolo López Poy e Miguel Fernández.
Como xa fixera en títulos coma O fillo da furia ou Os días do cometa (ámbolos dous editados por Demo Editorial), este dúo lugués volve presentar unha historia crúa e violenta ambientada no rural galego. Desta volta unen as súas forzas ás do xornalista e escritor Pepe Rey, responsable da novela da que nace este relato e coautor do guión xunto con Manolo, para chantar os cimentos desta serie que mestura ficción e feitos históricos.
Para introducirnos nesta viaxe cara a provincia de Lugo de hai cinco séculos e medio os autores realizan un notable exercicio de documentación, visible nas roupas e armas da época ou na reprodución dos castelos e mosteiros. O debuxo de Miguel Fernández segue a evolucionar conservando toda a súa forza, unha visceralidade que encaixa á perfección con este historia de violencia que ben podería ter asinado Sam Peckinpah e que engancha ao lector de maneira tal que desexamos que non se demore moito a súa seguinte entrega.
Salientamos tamén o atrevemento dos autores ao enrolarse nun proxecto de longa duración nun xénero, o histórico, que non é dos máis frecuentes, nin na bd galega nin na historieta española. Curiosamente un dos escasos exemplos que atopamos nas viñetas galegas é un dos álbumes máis exitosos da historia do cómic na nosa lingua e narra precisamente a Revolta Irmandiña nas terras do Eume: Os lobos de Moeche, de Manel Cráneo (Demo Editorial).
Así pois aquí vos deixamos a nosa recomendación, La espada de San Eufrasio #1: la aldea maldita, un bo libro de aventuras con trasfondo histórico, ao tempo que vos anunciamos a visita do seu debuxante, Miguel Fernández, a Komic Librería para asinar exemplares desta obra. A cita será este vindeiro venres 27 de outubro, a partires das 18:00 horas: agardamos contar coa vosa presenza e que esta lectura vos resulte interesante.
La espada de San Eufrasio #1: la aldea maldita
Pepe Rey / Miguel Fernández / Manolo López Poy
Diábolo
Tomos: 1